venres, 19 de xuño de 2026


     GAÑADORAS/ES RETO LECTOR 2026

 Remata o curso e tamén o Reto Lector Biblioleiras 2026. O alumnado gañador recibiu un diploma que acredita que completaron satisfactoriamente os retos lectores de cada mes, un vale de 30 euros para gastar na libraría Trama e outros agasallos que esperamos difruten. Parabéns a Iker, Lucía, Mario, Claudia e Adrián pola súa constancia lectora ao longo deste curso!

 

martes, 9 de xuño de 2026



      APADRIÑA/AMADRIÑA  UN LECTOR/A

Estamos rematando o curso e xa apetecía disfrutar dun día de convivencia, xogos e lecturas compartidas entre o noso alumnado de 1º de BAC e os nenos de 6º de infantil do CEIP de Casás. O noso xardín convertíuse un ano máis nun espazo moi especial onde os padriños e madriñas foron moi agarimosos cos seus invitados e acompañáronos no mundo da fantasía duns contos que nos faciliou a Biblioteca Pública de Lugo.

       
           

                                   
 

         
















luns, 11 de maio de 2026

                               

                           Begoña Caamaño (1964-2014)

 Xornalista, escritora e activista feminista que loitou pola igualdade e  a cultura galega. Defendeu 
os dereitos sociais nos medios da comunicación como a Radio Galega , na que traballou varios 
anos, ou nos movementos feministas, antimilitaristas e culturais ós que perteneceu.

Publicou as novelas Circe ou o pracer do azul e Morgana de Esmelle, nas que fai unha bela interpretación feminista dos mitos clásicos. 
En 2026, a Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas, recoñecendo a súa imprescindible aportación ao mundo literario e á defensa dos dereitos humanos.
 
 
     
                                          
 
 
 
 
 
        
 
 
 
 
 
 
 
 







 
 

xoves, 30 de abril de 2026

                  

               RETO LECTOR DE MAIO

Xa estamos rematando os nosos retos lectores mensuales deste curso. En Maio, mes de celebración das letras galegas, o reto consiste en ler  ler un libro en galego. Ao igual que todos os meses, tedes na biblioteca á vosa disposición unha exposición temática da que podedes levar un exemplar para seguir o reto. Hai libros de todos os xéneros e para todas as idades e intereses. Recordade que tamén podedes ler un libro que teñades na casa, prestado... 


luns, 20 de abril de 2026


LIBROS A ESCEA!

                    

  Neste mes de abril estamos a celebrar un tempo moi especial para a lectura xa que empezamos o novo reto lector adicado ao teatro e a nosa exposición sobre a mesma temática, na cal se poden ver moitos programas deste xénero literario que a nosa compañeira do equipo de biblioteca Ana Dopazo foi gardando ao longo  dunha vida de paixón polo teatro.

Asi mesmo expoñemos as bases do concurso organizado polo departamento de Lingua Castelá polo Día do Libro que consiste en crear unha portada creativa dun libro. 

Como de costume, recomendámosvos lecturas para estas datas e propoñemos o Reto lector de abril: ler un libro de ttro.





Presentámosvos 10 libros interesantes xunto a unhas pequenas reseñas:
 

 













luns, 16 de marzo de 2026

                          

                      POESÍA, POESÍA

Con motivo da celebración do Día Mundial da Poesía, Biblioleiras organizou unha exposición de libros de poesía co obxectivo de achegar o alumnado a este xénero literario e espertar o interese pola lectura e a creación poética.

A mostra reuniu obras de autores clásicos e contemporáneos, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de descubrir diferentes estilos, temáticas e formas de expresión. Durante varios días, a comunidade educativa puido visitar a exposición e explorar unha coidada selección de libros que puxo en valor a riqueza e a diversidade da poesía.

Ademais, a actividade contou coa participación da Maleta Viaxeira, unha iniciativa que fomenta o intercambio e o goce da lectura. A maleta, cargada de libros e recursos literarios, converteuse nun punto de encontro para compartir recomendacións, descubrir novas lecturas e gozar da literatura máis aló das aulas.


        

luns, 2 de marzo de 2026

                RETO LECTOR DE MARZO




DÍA DA MULLER: MULLERES PIONEIRAS: AGATHA CHRISTIE

Cada 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller, unha data para recoñecer a contribución das mulleres á sociedade, á cultura, á ciencia e ao coñecemento. Este ano, desde a nosa biblioteca queremos render homenaxe a Agatha Christie coincidindo co 50 aniversario da súa morte, unha das escritoras máis influentes da historia da literatura.
Nada en 1890 en Torquay (Inglaterra), Agatha Christie converteuse na autora de novela policial máis lida do mundo. As súas obras foron traducidas a máis de cen idiomas e continúan fascinando a lectores e lectoras de todas as idades.
Na Biblioleiras fixemos unha exposición informacional para dar visibilidade a esta muller pioneira.


























                                 


luns, 19 de xaneiro de 2026



                              ROSALÍA

Sempre presente na nosa biblioteca, amosamos a vida e obra de Rosalía de Castro, expoñemos os fondos e recomendámosvos lecturas!

 

 

 


 Recomendacións lectoras
 



 

luns, 12 de xaneiro de 2026


                         ANO OTERIANO

  O Parlamento de Galicia aprobou  declarar o 2026 como Ano Oteriano, coincidindo co cincuenta aniversario do pasamento de Ramón Otero Pedrayo (1888– 1976).

Coñecido como o «Patriarca das Letras Galegas», no texto da declaración defínese como unha “figura esencial das letras, do pensamento e da identidade galega contemporánea” e como “un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia, representante dunha xeración que soubo vincular o galeguismo coa defensa da cultura universal e co compromiso coa nosa terra”. 

Na biblioteca queremos fomentar o coñecemento da súa vida e obra expoñendo información e os fondos que temos sobre este recoñecido autor.

 








 

luns, 15 de decembro de 2025

 

 LECTURAS COMPARTIDAS NA FEIRA DE   NADAL

Durante a Feira de Nadal do IES Leiras Pulpeiro, na Biblioleiras compartíronse lecturas en galego, castelán, inglés e francés entre o alumnado que participou no concurso Conto de Nadal, organizado
por Biblioleiras. Antes da lectura en público, os alumnos e alumnas tiñan que atopar unha serie de libros
agochados na biblioteca seguindo  unhas pistas, relativas á CDU, que lles proporcionamos. Unha vez atopados, debían ler uns fragmento ó resto de alumnado presente. Os leiros, moeda de uso interno no noso centro, eran a recompensa, esgotáronse todos. Esa era a nosa intención!










               

      RETOS LECTORES BIBLIOLEIRAS.                RETO LECTOR DE XANEIRO

Este curso Biblioleiras organiza un Reto Lector para fomentar o voso gusto pola lectura.
Recolle na biblioteca o teu pasaporte lector, escolle e le  un libro que encaixe no reto de cada mes, cubre o teu pasaporte e acércate á biblio para poñerlle o selo. Se completas todos os retos conseguirás un agasallo.
 
 
 


 
O primeiro Reto Lector será ler un libro que inspirara unha película. Tes moitos de mostra na exposición da biblioteca e tamén podes ler un que ti teñas ou que che prestaran. 
 

 

venres, 21 de novembro de 2025

                 MURO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Temos que seguir lembrando que existe unha violencia contra a muller, o cal debe facernos reflexionar como sociedade, porque evidencia que aínda quedan moitas desigualdades por superar. Neste camiño, a educación continúa a ser unha das ferramentas máis eficaces para concienciar, sensibilizar e promover valores de respecto, igualdade e convivencia.

Por este motivo, os rapaces e rapazas de 3º da ESO de Valores Éticos e o alumnado de 2º curso de Proxecto Competencial “construíron” un muro contra a violencia de xénero na porta da biblioteca. Cada “ladrillo” deste muro recolle un desexo, unha reflexión ou unha mensaxe a favor da igualdade e do respecto entre homes e mulleres. 

De maneira simbólica, este muro representa a unión de toda a comunidade educativa fronte á violencia de xénero e o compromiso colectivo de derrubar os prexuízos, o machismo e calquera forma de discriminación. Ao mesmo tempo, cada palabra escrita convértese nun pequeno paso cara á construción dunha sociedade máis xusta, máis libre e máis igualitaria. 

Esta iniciativa sitúase na entrada da biblioteca, un espazo que representa unha parte fundamental na transmisión destes valores e no fomento da reflexión, do pensamento crítico e da convivencia. Porque educar en igualdade é tamén educar para a liberdade, para o respecto e para a dignidade de todas as persoas, construíndo entre todos e todas unha sociedade máis xusta e máis humana.





luns, 17 de novembro de 2025

                  PENSAMENTO FEMININO

Neste ano 2026, o 19 de novembro temos cita coa Filosofía, esa amiga do saber que como materia de bacharelato, intenta que os rapaces e rapazas non esquezan a importancia do pensamento crítico, tan necesario nun mundo moi conectado en canto a redes sociais pero tamén moi desconectado no que repecta a cuestionar, analizar e razonar antes de aceptar unha idea como verdadeira.
Non se trata só de estudar autores ou teorías, senón de adquirir a capacidade de facerse preguntas, dubidar, reflexionar e comprender mellor o mundo que nos rodea. 

Mais falar de Filosofía tamén implica recuperar e reivindicar a voz de tantas mulleres pensadoras que ao longo da historia quedaron silenciadas ou relegadas a un segundo plano. Desde Hipatia de Alexandría ata filósofas como Hannah Arendt ou Simone de Beauvoir, as mulleres contribuíron de maneira decisiva á reflexión filosófica, abrindo camiños cara á igualdade, á liberdade e á defensa do pensamento crítico.

A exposición na biblioteca dos traballos das alumnas e alumnos de 1º de bacharelato sobre filósofas do pasado e do presente, reflexa a importancia da súa contribución xa que recoñecer o seu legado é tamén educar nunha visión máis xusta e completa da Historia do Pensamento.

Expuxemos os libros da maleta viaxeira de Filosofía que temos este mes na Biblioleiras, que ten exemplares para todas as idades e intereses.













luns, 3 de novembro de 2025



               TERRORÍFICAS LECTURAS

Na Biblioleiras temos lecturas ben terroríficas que de cando en vez expoñemos para os lectores con menos medo a pasar un bo rato. Para que o ambiente acompañe, decoramos a biblioteca para tan arrepiante ocasión e abrimos as súas portas a intrépidos lectores e lectoras.
                                  
 
 

              






luns, 6 de outubro de 2025

                     DÍA DAS ESCRITORAS   

Este ano o Día das Escritoras celébrase o 12 de octubre e na Biblioleiras queremos homenaxear a todas esas escritoras que contribúen a transmitir coñecementos, historias, entretemento e imaxinación.