sábado, 12 de abril de 2014

MULLERES E LITERATURA NO SÉCULO XIX

  

  
     Na biblioteca podes visitar unha exposición de obras escritas por mulleres literatas, as cales ata o século XIX parecían invisibles dentro dun mundo de homes.
     Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concención Arenal, Cecilia Böhl de Faber (alias Fernán Caballero), Emily Dickinson, Aurore Dupin (alias George Sand), Emily Brontë, Jane Austen, Charlotte Brontë, Louisa May Alcott, Mary Wollstonecraft, Mary W. Shelley…  son algunhas desas mulleres.

Propoñémosche un xogo: tras ler os seguintes textos, relaciónaos coa autora correspondente, a escoller entre as anteriormente citadas.


A) 
      “O que eu quixera saber é o que sente un rico,
  un príncipe ou maharajá, 
  porque eu, con esta migalliña
  coido que son a raíña do mundo."                      
DEUS AGASALLOU CUNHA FOGAZA… 





B)
     “A muller, nomeadamente se ten a  desgraza de posuír algún coñecementos, fará ben en ocultalos sempre que lle sexa posíbel. Unha autora e colega miña no eido das letras describiu de xeito prodixioso as vantaxes que ten para a muller o feito de ser fermosa e parva ao mesmo tempo, de modo, pois, que tan só resta engadirlle, en desculpa do homes, que para a meirande parte destes a imbecilidade feminina constitúe un engado adicional, hai algún tan ben informados e razoábeis por si mesmos que non desexan para a muller nada mellor que a ignorancia.”
ORGULLO E PREXUÍZO 


C)
     “Cando un home emprende unha viaxe, ten case sempre presente o final da mesma; unha muller pensa máis nos incidentes do traxecto, nas cousas estrañas que lle poidan acontecer no camino; na impresión que poida causar nos seus compañeiros de viaxe; e, sobre todo, o que máis lle preocupa é o coidado da vestimenta que leva, algo que constitúe, máis que nunca, unha parte de si mesma, ao imaxinarse nun novo ambiente e, empregando unha expresión francesa, causando sensación. Pode existir dignidade cunhas preocupacións tan triviais?                                          
     Resumindo. As mulleres, en xeral, do mesmo xeito que a xente rica de ambos sexos, adquiriron todas as insensateces e vicios da civilización e deixaron fuxir o máis valioso de seu.”
REIVINDICACIÓN DOS DEREITOS DA MULLER  



D)
     “Mentres eu estaba sentada acariñando estas reflexións, o marco da ventá caeu ó chan detrás miña por unha puñada deste personaxe, e viuse por ela o seu negro rostro botando chispas. Os barrotes da ventá estaban demasiado xuntos para que os seus ombros puidesen pasar, e sorrín, contenta na miña imaxinada seguridade. O seu pelo e roupa estaban brancos de neve e os seus afiados dentes de caníbal, visibles polo frío e a ira, brillaban na escuridade.”
CUMES BORRASCOSOS 



E)
    “Cando escoitou aquel nome, o señor Rochester apretou os dentes, ó tempo que unha especie de espasmo convulso estremecía o seu corpo. Eu, como estaba tan pegada a el, recibía a vibración daquel ataque de desesperada furia. Mentres tanto, o segundo forasteiro, situado ata entón algo afastado xa cubrirá a distancia que o separaba do altar e asomaba unha cara pálida por riba do ombro do seu abogado.”
JANE EYRE 


F)
     “As alteracións da vida non son nin moito menos tantas como as dos sentimentos humanos. Durante case dous anos traballara infatigablemente co propósito de infundir vida nun corpo inerte… Para iso privárame de descanso e de saúde. Desexárao cun fervor que sobrepasaba con moito a moderación; pero agora que o conseguirá, esvaecíase a fermosura do soño e a repugnancia e o horror me embargaban.”
FRANKENSTEIN


G)
     “Este vaise i aquel vaise,
e todos, todos se van,
Galicia, sin homes quedas
que te poidan traballar.
Tes, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledadk
e nais que non teñen fillos
e fillos que non teñen pais.
E tes corazóns que sofren
longas ausencias mortás,
viúvas de vivos e morto
que ninguén consolará."                                                                                                                                           FOLLAS NOVAS  


H)
     “Os ben do espírito multiplícanse a medida que son máis os que participan deles; os materiais teñen limitacións que non pode traspasar o máis vehemente desexo. Unha verdade é toda para todos; un elevado sentimento crece co número dos que participan nel; as moedas dun saco tocan a menos cantos máis sexan aqueles entre quen se reparten.”
A INSTRUCIÓN DO POBO 



I)
“ - Busque quen lle faga a cea…, e que estea aquí… Eu voume, voume, voume, voume…

   E repetíao obstinadamente, sen entoación, como que afirma unha cousa natural e inevitable.

       -   Que dis, malvada?     
 -  Que me vou, que me vou... Á miña pobre casiña... Quen me trouxo aquí! Ai miña nai da miña alma!

Rompeu a moza a chorar amarguísimamente e o marqués requerindo a súa escopeta, regañaba os dentes de cólera, disposto xa a facer algunha barrabasada notable, cando un novo personaxe entrou en escena. Era Primitivo, saído dun recuncho escuro; diríase que levaba tempo alí agochado. A súa aparición modificou instantaneamente a actitude de Sabel, que tremeu, calou e contivo as báboas."
          OS PAZOS DE ULLOA    

                     

miércoles, 2 de abril de 2014

DÍA MUNDIAL DO TEATRO - 27 de marzo


O 27 de marzo foi declarado Día Mundial do Teatro desde 1961 polo ITI (Instituto Internacional do Teatro) e pola UNESCO.

Este ano está adicado ao dramaturgo sudafricano Brett Bailey: “Onde sexa que haxa unha sociedade humana, o espírito incontrolable de presentación maniféstase por si só.”

No Leiras, para celebralo, fixemos unha pequena exposición de programas teatrais, tanto de obras clásicas como modernas. Agardamos que vos guste.
Ademais, propoñémosvos un xogo (as pistas están ao final):

PASATEMPO:     Gústache o teatro?

Aquí propoñemos unha serie de textos famosísimos, sacados dalgunhas das máis célebres obras dramáticas de tódolos tempos, e ti tes que descubrir os títulos correspondentes.


A)   VECIÑA DESDENTADA.
              Deste ovo saen polo menos cen tortillas.
 
         ANXA.
               Pero batilo leva tres días tamén polo menos.

        VECIÑO GORDO.
             Quero tortilla.

       ELÍAS.
           Anxa, o Toneladitas quere tortilla.

       VECIÑO GORDO.
            Quero laranxas.

       VECIÑO TORTO.
            Tamén quere laranxas.

       ANXA.
            Aquí non hai laranxas. As cirolas esas (sinalando) non se poden coller, que estouran.

      ELÍAS.
          Non estourou máis ca unha, digo eu.

     ANXA.
          Cando estourou unha é que poden estourar todas.

    UNHA LARANXA.
         Non señora. ¡Nin todos somos iguais!



        B)    SEGISMUNDO.
                                       ... Eu soño que estou aquí
                                          destas prisións cargado,
                                          e soñei que noutro estado
                                          máis agradable me vin.
                                          Que é a vida? Un frenesí.
                                          Que é a vida? Unha ilusión,
                                          unha sombra, unha ficción,
                                          e o maior ben é pequeno;
                                          que toda a vida é soño
                                          e os soños, soños son.



C)      ... ¡Ser ou non ser; velaquí o problema! ¿Que é máis elevado para o espírito: sufrir os golpes e dardos da insultante fortuna, ou tomar as armas contra un mar de calamidades e, facéndolles frente, acabar con elas? ¡Morrer..., durmir, nada  máis! [...] Morrer...,durmir! Durmir!... Quizais soñar!


          D)  GASPAR.
                                 ¡Deus creador! ¿Que marabilla!
                                 ¿Que estrela será esa que brilla?
                                 Ata agora, non a tiña percibido;
                                 fai ben pouco que ten nacido.
                                 ¿Nacería xa o Creador,
                                 de todas as xentes señor?
                                 Non é verdade, non sei o que digo;
                                  todo isto non vale un figo.
                                 Outra noite o catarei,
                                 E se é verdade, ben o saberei.




      E)    Oh, Romeo, Romeo. ¿Por que es Romeo?
              Nega a teu pai e rexeita o teu nome.
              Ou xúrame amor
              e deixarei de ser unha Capuleto.



F)        XUÍZ. 
                   Que vos hei matar, creede,
                 neste poldro , viláns.
                 Quen matou ao Comendador?
           
             PASCUALA.
                       Fuente Ovejuna, señor.



G)     ... E non quero choros. A morte hai que mirala á cara. Silencio! A calar dixen! As bágoas cando esteas soa! Afundirémonos todas nun mar de loito. Ela, a filla máis nova de Bernarda Alba, morreu virxe. Oístes? Silencio, silencio dixen! Silencio!



H)    SEÑOR FUCO.
         Ningún de vós morreu tan adoecido coma min. Ti, Saturio, adormentácheste con xaropes da túa botica, para morreres ser dores. Ti, Ramón, morriches atordoado polo viño e non te decataches do pasamento. A miña morte foi arrabeada. Morrín como un can da rabia, coma quen olla unha fonte de auga pura e non pode bebela. Eu morrín de sede. ¡Morrín por namorarme de vello!


------------------------------------------------
            

Títulos:


  1. A casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca
  2. Fuenteovejuna de Lope de Vega
  3. Romeo e Xulieta de William Shakespeare
  4. Os vellos non deben de namorarse de Alfonso R. Castelao
  5. O auto dos Reis Magos. Anónimo
  6. As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares
  7. A vida é soño de Calderón de la Barca
  8. Hamlet de William Shakespeare