O profesor Xesús Alonso Montero visitará o noso instituto o día 9 de novembro para divulgar a figura de MANUEL LEIRAS PULPEIRO no centenario do seu pasamento.
Alonso Montero é poeta, ensaísta, conferenciante, estudoso da literatura popular, home fondamente comprometido coa lingua e cultura galegas, loitador incansable pola igualdade e en contra da inxustiza.
Licenciouse en Filosofía e Letras na Universidade de Madrid, doctorouse na Universidade de Salamanca cunha tese sobre Curros Enríquez. Foi catedrático de Lingua e Literatura Españolas de distintas Escolas de Maxisterio, exercendo en Palencia, Lugo e Madrid.
Realizou e publicou estudos sobre numerosos escritores e escritoras galegos, entre eles Leiras Pulpeiro. Salientamos, tamén, o seu papel como conferenciante en España e na América.
Recibiu numerosos galardóns, o último deles o premio Losada Diéguez de investigación en 2012.
Ingresou na REAL ACADEMIA GALEGA en 1993. O seu discurso de ingreso titulouno “Manifestos” en verso a favor da poesía civil nos primeiros tempos da Posguerra na Galicia da Terra e na Galicia Emigrante.
Moitos membros da nosa comunidade educativa asistiron as súas aulas en tempos difíciles para a lingua e literatura galegas e é tamén por esta razón polo que nos sentimos especialmente honrados e honradas coa súa presenza no noso instituto.