O Gustavo Freire acolleu, o 13, 14 e 15 de marzo, unha nova edición do Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino, que organiza a asociación Prósopon e a sección galega da SEEC en colaboración co Concello de Lugo. O alumnado do Leiras que cursa Grego en 1º e 2º de BAC e Cultura Clásica en 4º de ESO, non podía faltar á cita. Asistimos, pois, á representación de dúas traxedias gregas e unha comedia latina, co obxectivo de coñecer mellor o xénero dramático e algúns dos mitos gregos máis coñecidos e xa estudados na clase. E, sen dúbida, a actividade cumpriu todas as nosas expectativas. Por unhas horas, actores e actrices non profesionais fixeron posible o soño de trasladarnos á Antiga Grecia. Vaia desde aquí a nosa admiración e recoñecemento por ese enorme esforzo de memorización e interpretación.O grupo Noite Bohemia do IES Ramón Menéndez Pidal de A Coruña representou a Electra de Sófocles. Unha impresionante montaxe para unha historia de vinganza, amor e morte. Sorprendeunos o innovador sistema de retroproxección que utilizaron e a vistosidade da coreografía. Pero o que, sen dúbida, máis nos impactou, foi a excelente interpretación da protagonista, Electra.
Electra de Sir William Blake Richmond
O grupo Noite Bohemia
Lusco e Fusco, categoría inferior de Noite Bohemia, permitiunos rebaixar a tensión que esixe unha traxedia, coa representación da Aulularia de Plauto. Puidemos rirnos das preocupacións do avaro Euclión por manter a bon recado unha pota chea de moedas de ouro.
O grupo Parrocha do IES Elviña da Coruña trouxo a escena a Medea de Eurípides. Desgraciadamente trátase dun mito reconocible na actualidade. Os medios de comunicación, a miúdo, ofrécennos noticias protagonizadas por parricidas que nos lembran a Medea. Como non podía ser doutra maneira, os herdeiros do grupo Sardiña non defraudaron. Entusiasmounos o seu extraordinario respecto pola esencia da traxedia grega. E, especialmente, cativounos a interpretación de Medea, esa muller malvada, feiticeira e vengativa, que, ao non poder conseguir o amor do seu esposo Xasón, foi capaz de matar aos seus propios fillos.
Medea de Delacroix
Medea de Paul Cézanne
Aquí déixovos un vídeo no que podedes volver ver o agón, ou episodio no que se enfrontan Electra e a súa soberbia nai, Clitemnestra.



