Amosando publicacións coa etiqueta Celebracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Celebracións. Amosar todas as publicacións

sábado, 18 de marzo de 2017

DÍA DE ROSALÍA con Alonso Montero

Xesús Alonso Montero


Para celebrar o Día de Rosalía (24 de febreiro),  o Departamento de Lingua galega e Literatura organizou a visita de don Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega e especialista na obra de Rosalía de Castro. 
O salón de actos estaba abarrotado





Neste acto, que tivemos o privilexio e honra de presenciar no noso instituto o pasado día 23,  o profesor ofreceu unha maxistral conferencia sobre a autora para o alumnado de 1º e 2º de BAC nun salón de actos completamente cheo e ante unha atentísima audiencia, que o escoitaba con verdadeiro interese e admiración. 


Máis información e reportaxe completa na lapela superior É un falar ou neste enlace do blog do EDLG

martes, 7 de abril de 2015

TEATRO na Biblioteca do LEIRAS PULPEIRO




Día Mundial
do
 Teatro
O 27 de marzo celebramos este día cunha representación teatral da obra                    Así foi, doutor de Suso de Toro para o alumnado de 3º e 4º.
Participaron os seguintes alumnos de 4º de ESO:
- Presentación: Camila Beltrán
- Dirección: Samuel Marte
- Reparto: Alberto Marte e Borja Lamela
Representación no Día Mundial do Teatro 2015 on PhotoPeach
Para ver o vídeo da gravación, visita É un falar.

xoves, 5 de marzo de 2015

EU SON ROSALÍA




24 de febreiro



Celebramos o 
Día de Rosalía    como unha festa.




Mozos e mozas de 3º de ESO bailaron tralo recitado dos poemas "Tecín soia a miña tea", "Miña casiña, meu lar" e "Alborada".

A continuación tedes máis fotos

 "EU SON ROSALÍA"           no Leiras Pulpeiro                 (24 de febreiro de 2015) on PhotoPeach



Se queredes ver o vídeo completo, podedes visitar o blog  do EDL:
preme neste enlace "É un falar" 

sábado, 25 de outubro de 2014

24 de OUTUBRO, DÍA das BIBLIOTECAS

 

O pasado venres,  
24 de outubro, celebramos o 
día das Bibliotecas  agasallando a todos os alumnos e alumnas que visitaron a nosa cun pequeno presente. 



 
                   Ao mesmo tempo, puxemos á vosa disposición no corredor principal o COFRE DOS DESEXOS,  para que pidades aqueles libros que vos gustaría atopar na nosa Biblioteca. 
Xa veredes como os nosos ratos máxicos os cumpren!

mércores, 2 de abril de 2014

DÍA MUNDIAL DO TEATRO - 27 de marzo


O 27 de marzo foi declarado Día Mundial do Teatro desde 1961 polo ITI (Instituto Internacional do Teatro) e pola UNESCO.

Este ano está adicado ao dramaturgo sudafricano Brett Bailey: “Onde sexa que haxa unha sociedade humana, o espírito incontrolable de presentación maniféstase por si só.”

No Leiras, para celebralo, fixemos unha pequena exposición de programas teatrais, tanto de obras clásicas como modernas. Agardamos que vos guste.
Ademais, propoñémosvos un xogo (as pistas están ao final):

PASATEMPO:     Gústache o teatro?

Aquí propoñemos unha serie de textos famosísimos, sacados dalgunhas das máis célebres obras dramáticas de tódolos tempos, e ti tes que descubrir os títulos correspondentes.


A)   VECIÑA DESDENTADA.
              Deste ovo saen polo menos cen tortillas.
 
         ANXA.
               Pero batilo leva tres días tamén polo menos.

        VECIÑO GORDO.
             Quero tortilla.

       ELÍAS.
           Anxa, o Toneladitas quere tortilla.

       VECIÑO GORDO.
            Quero laranxas.

       VECIÑO TORTO.
            Tamén quere laranxas.

       ANXA.
            Aquí non hai laranxas. As cirolas esas (sinalando) non se poden coller, que estouran.

      ELÍAS.
          Non estourou máis ca unha, digo eu.

     ANXA.
          Cando estourou unha é que poden estourar todas.

    UNHA LARANXA.
         Non señora. ¡Nin todos somos iguais!



        B)    SEGISMUNDO.
                                       ... Eu soño que estou aquí
                                          destas prisións cargado,
                                          e soñei que noutro estado
                                          máis agradable me vin.
                                          Que é a vida? Un frenesí.
                                          Que é a vida? Unha ilusión,
                                          unha sombra, unha ficción,
                                          e o maior ben é pequeno;
                                          que toda a vida é soño
                                          e os soños, soños son.



C)      ... ¡Ser ou non ser; velaquí o problema! ¿Que é máis elevado para o espírito: sufrir os golpes e dardos da insultante fortuna, ou tomar as armas contra un mar de calamidades e, facéndolles frente, acabar con elas? ¡Morrer..., durmir, nada  máis! [...] Morrer...,durmir! Durmir!... Quizais soñar!


          D)  GASPAR.
                                 ¡Deus creador! ¿Que marabilla!
                                 ¿Que estrela será esa que brilla?
                                 Ata agora, non a tiña percibido;
                                 fai ben pouco que ten nacido.
                                 ¿Nacería xa o Creador,
                                 de todas as xentes señor?
                                 Non é verdade, non sei o que digo;
                                  todo isto non vale un figo.
                                 Outra noite o catarei,
                                 E se é verdade, ben o saberei.




      E)    Oh, Romeo, Romeo. ¿Por que es Romeo?
              Nega a teu pai e rexeita o teu nome.
              Ou xúrame amor
              e deixarei de ser unha Capuleto.



F)        XUÍZ. 
                   Que vos hei matar, creede,
                 neste poldro , viláns.
                 Quen matou ao Comendador?
           
             PASCUALA.
                       Fuente Ovejuna, señor.



G)     ... E non quero choros. A morte hai que mirala á cara. Silencio! A calar dixen! As bágoas cando esteas soa! Afundirémonos todas nun mar de loito. Ela, a filla máis nova de Bernarda Alba, morreu virxe. Oístes? Silencio, silencio dixen! Silencio!



H)    SEÑOR FUCO.
         Ningún de vós morreu tan adoecido coma min. Ti, Saturio, adormentácheste con xaropes da túa botica, para morreres ser dores. Ti, Ramón, morriches atordoado polo viño e non te decataches do pasamento. A miña morte foi arrabeada. Morrín como un can da rabia, coma quen olla unha fonte de auga pura e non pode bebela. Eu morrín de sede. ¡Morrín por namorarme de vello!


------------------------------------------------
            

Títulos:


  1. A casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca
  2. Fuenteovejuna de Lope de Vega
  3. Romeo e Xulieta de William Shakespeare
  4. Os vellos non deben de namorarse de Alfonso R. Castelao
  5. O auto dos Reis Magos. Anónimo
  6. As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares
  7. A vida é soño de Calderón de la Barca
  8. Hamlet de William Shakespeare

mércores, 5 de febreiro de 2014

100 ANOS de PLATERO Y YO (1914-2014)



Este ano conmemoramos o primeiro centenario da publicación da inmortal obra de Juan Ramón Jiménez. Este contiño, feito como pasatempo e sen idea inicial de ver a luz, converteuse nunha das obras máis universalmente coñecidas do autor. Considérase un exemplo de prosa poética, porque, aínda que non estea escrita en verso, a beleza das súas imaxes, as figuras literarias marabillosamente escollidas e o ritmo marcado e cantarín da narración, fan que cando lemos este relato esquezamos que estamos ante un texto en prosa.

Parabéns Platero!

domingo, 29 de abril de 2012

Quen nos vistou o Día do libro?

O 23 de abril recibimos na nosa biblioteca a relevantes escritores e coñecidos personaxes da literatura universal e contemporánea que nos falaron dos seus libros favoritos. Alí estiveron Valle-Inclán da man de Castelao e tamén Quevedo falando galego ou o elegante e romántico Espronceda, Carapuchiña, Spiderman,  Mannawinard, o inxenioso Sherlock Holmes e o arrichado Tintimán, o vello pescador de Hemingway, Esther e a súa amiga Rita, o xefe Seatle e o aprendiz de mago Harry Potter. Do País das Marabillas chegou Alicia, Superman do seu planeta Krypton e unha espontánea crítica literaria que non sabemos de donde viña. Unha inesquecible, numerosa e divertida visita.

martes, 20 de marzo de 2012

Regalamos poesía



"A poesía é unha das expresións máis elevadas da lingua e a cultura. É a liberdade absoluta do verbo e a creación, elemento constitutivo da identidade e tamén, a miúdo, ingrediente da construción da nosa identidade persoal, como a música, a danza ou as artes plásticas."
Mensaxe da Sra. Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO,con motivo do Día Mundial da Poesía, 21 de marzo de 2012.
Ilustración de Pedro Seromenho
Coincidindo co equinocio de primavera, o mércores 21 de marzo celébrase o Día Mundial da Poesía. Como a poesía é, por excelencia, a linguaxe do amor e dos sentimentos, a biblioteca do Leiras Pulpeiro renderá homenaxe á palabra poética regalando impresións destes poemas amorosos.

sábado, 10 de decembro de 2011

10 de Decembro: Día dos DDHH



63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)