venres, 21 de novembro de 2025

                 MURO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Temos que seguir lembrando que existe unha violencia contra a muller, o cal debe facernos reflexionar como sociedade, porque evidencia que aínda quedan moitas desigualdades por superar. Neste camiño, a educación continúa a ser unha das ferramentas máis eficaces para concienciar, sensibilizar e promover valores de respecto, igualdade e convivencia.

Por este motivo, os rapaces e rapazas de 3º da ESO de Valores Éticos e o alumnado de 2º curso de Proxecto Competencial “construíron” un muro contra a violencia de xénero na porta da biblioteca. Cada “ladrillo” deste muro recolle un desexo, unha reflexión ou unha mensaxe a favor da igualdade e do respecto entre homes e mulleres. 

De maneira simbólica, este muro representa a unión de toda a comunidade educativa fronte á violencia de xénero e o compromiso colectivo de derrubar os prexuízos, o machismo e calquera forma de discriminación. Ao mesmo tempo, cada palabra escrita convértese nun pequeno paso cara á construción dunha sociedade máis xusta, máis libre e máis igualitaria. 

Esta iniciativa sitúase na entrada da biblioteca, un espazo que representa unha parte fundamental na transmisión destes valores e no fomento da reflexión, do pensamento crítico e da convivencia. Porque educar en igualdade é tamén educar para a liberdade, para o respecto e para a dignidade de todas as persoas, construíndo entre todos e todas unha sociedade máis xusta e máis humana.





luns, 17 de novembro de 2025

                  PENSAMENTO FEMININO

Neste ano 2026, o 19 de novembro temos cita coa Filosofía, esa amiga do saber que como materia de bacharelato, intenta que os rapaces e rapazas non esquezan a importancia do pensamento crítico, tan necesario nun mundo moi conectado en canto a redes sociais pero tamén moi desconectado no que repecta a cuestionar, analizar e razonar antes de aceptar unha idea como verdadeira.
Non se trata só de estudar autores ou teorías, senón de adquirir a capacidade de facerse preguntas, dubidar, reflexionar e comprender mellor o mundo que nos rodea. 

Mais falar de Filosofía tamén implica recuperar e reivindicar a voz de tantas mulleres pensadoras que ao longo da historia quedaron silenciadas ou relegadas a un segundo plano. Desde Hipatia de Alexandría ata filósofas como Hannah Arendt ou Simone de Beauvoir, as mulleres contribuíron de maneira decisiva á reflexión filosófica, abrindo camiños cara á igualdade, á liberdade e á defensa do pensamento crítico.

A exposición na biblioteca dos traballos das alumnas e alumnos de 1º de bacharelato sobre filósofas do pasado e do presente, reflexa a importancia da súa contribución xa que recoñecer o seu legado é tamén educar nunha visión máis xusta e completa da Historia do Pensamento.

Expuxemos os libros da maleta viaxeira de Filosofía que temos este mes na Biblioleiras, que ten exemplares para todas as idades e intereses.













luns, 3 de novembro de 2025



               TERRORÍFICAS LECTURAS

Na Biblioleiras temos lecturas ben terroríficas que de cando en vez expoñemos para os lectores con menos medo a pasar un bo rato. Para que o ambiente acompañe, decoramos a biblioteca para tan arrepiante ocasión e abrimos as súas portas a intrépidos lectores e lectoras.