venres, 21 de novembro de 2025

                 MURO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Temos que seguir lembrando que existe unha violencia contra a muller, o cal debe facernos reflexionar como sociedade, porque evidencia que aínda quedan moitas desigualdades por superar. Neste camiño, a educación continúa a ser unha das ferramentas máis eficaces para concienciar, sensibilizar e promover valores de respecto, igualdade e convivencia.

Por este motivo, os rapaces e rapazas de 3º da ESO de Valores Éticos e o alumnado de 2º curso de Proxecto Competencial “construíron” un muro contra a violencia de xénero na porta da biblioteca. Cada “ladrillo” deste muro recolle un desexo, unha reflexión ou unha mensaxe a favor da igualdade e do respecto entre homes e mulleres. 

De maneira simbólica, este muro representa a unión de toda a comunidade educativa fronte á violencia de xénero e o compromiso colectivo de derrubar os prexuízos, o machismo e calquera forma de discriminación. Ao mesmo tempo, cada palabra escrita convértese nun pequeno paso cara á construción dunha sociedade máis xusta, máis libre e máis igualitaria. 

Esta iniciativa sitúase na entrada da biblioteca, un espazo que representa unha parte fundamental na transmisión destes valores e no fomento da reflexión, do pensamento crítico e da convivencia. Porque educar en igualdade é tamén educar para a liberdade, para o respecto e para a dignidade de todas as persoas, construíndo entre todos e todas unha sociedade máis xusta e máis humana.