miércoles, 29 de febrero de 2012

Homenaxe a Rosalía



O AELG anímanos a difundir a obra de Rosalía, cando se cumpren 175 anos do nacemento dunha das figuras máis emblemáticas do Rexurdimento da literatura galega decimonónica.


No noso centro, para conmemorar este aniversario, o venres 24 de febreiro, durante o recreo, desenvolvéronse as seguintes actividades:



  • Breve presentación da escritora homenaxeada e lectura na biblioteca, duns poemas rosalianos en galego e un lieder en castelán, por parte do profesorado e do alumnado na biblioteca. Ao terminar xurdiu un pequeno debate sobre a sorprendente actualidade dos poemas lidos e destacouse o innegable mérito que supón o publicar a obra poética naquela época, na que a muller tiña un papel moi pouco relevante na sociedade.


  • Exposición de todas as edicións das diferentes obras de Rosalía, CDs coa súa poesía musicada, biografías e estudos críticos que forman parte dos fondos bibliográficos da nosa biblioteca.


  • No corredor central, audición de poemas de Rosalía musicados.

E velaí os textos utilizados e as fotos do acto:


















viernes, 24 de febrero de 2012

O día de Rosalía




O 24 de febreiro é o Día de Rosalía. Lembramos con esta efeméride o nacemento da escritora máis senlleira das letras galegas.

Escribiu tanto en verso como en prosa, en galego e castelán, pero destacou pola súa poesía intimista e polo seu compromiso coa lingua galega tan desprezada e desprestixiada na época na que ela viviu.

Para un achegamento inicial á figura de Rosalía, recoméndovos que leades esta versión dixital do libro Rosalía ilustrado por Ánxeles Ferrer e escrito por Helena Villar, escritora lucense e presidenta da Fundación Rosalía de Castro.









Se queredes saber máis sobre a súa biografía e obra, déixovos aquí as seguintes ligazóns:

Fundación e Casa Museo Rosalía de Castro

Aquí atoparás unha zona para descargar a súa obra

Galipedia

Biblioteca Virtual Galega

Praza das letras

Autores galegos

Biblioteca das Letras galegas

Cultura galega

AELG, día de rosalía

E se o que preferides é escoitar os seus poemas musicados, quí tedes algún dos vídeos que atopamos na rede:







  • Mayo longo, musicado por Carlos Núñez e cantado por Anabela



















  • Alborada , unha versión en clave de jazz, na que participan Anxo Angueira, o pianista Abe Rábade, Guadi Galego como cantante, Jesús Santandreu no saxo tenor, Nelson Cascaisao ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería.










E, por último Canzón pra Rosalía de Castro, de García Lorca, musicada por Rafa Lorenzo.






jueves, 16 de febrero de 2012

Cambio climático. O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción


O cambio climático é un dos problemas máis graves aos que se enfronta a Humanidade. Actualmente outras dificultades como a crise económica silencian nos medios de comunicación esta cuestión transcendental. Por estas e outras razóns, o Departamento de Bioloxía e Xeoloxía xestionou unha exposición de dezaoito paneis, cedidos por CEIDA, nos que se explica cientificamente que é o cambio climático así como as súas consecuencias mundiais e o seu impacto en España e Galicia. Finalmente expúñanse posibles solucións como os tratados internacionais (Protocolo de Kioto) e as achegas de tipo individual.
A exposición estivo no corredor central do centro durante a primeira quincena de febreiro. Foi visitada polo alumnado que cursa algunha materia do Departamento e tamén polos nenos e nenas de 6º de Primaria do Colexio de Casás. Consideramos que espertou o interese dos visitantes, razón pola cal valoramos moi positivamente esta actividade.



Finaliza a I Semana das Matemáticas



Finaliza a I Semana das Matemáticas cunha visita moi especial. Os nenos e nenas de 6º de Primaria do Colexio de Casás achegáronse até o Leiras Pulpeiro para participar tamén nalgunha das actividades programadas para esta semana. Tras observar con atención a exposición do corredor central, dirixíronse á biblioteca para ver o vídeo Donald no país das matemáticas. Ao terminar a proxección, a xefa do departamento de Matemáticas, Ana García, respondeu a todas as preguntas que expuxeron os pequenos. Nas seguintes presentacións podedes ver as imaxes que resumen esta I Semana das Matemáticas. Grazas a todos os que participastes nela polo voso entusiasmo e colaboración.

As matemáticas "recreativas":







As matemáticas na "biblio":




Os nenos de Casás:

viernes, 10 de febrero de 2012

As lecturas matemáticas máis divertidas



As matemáticas non son tan aburridas como parece. Achégate á biblioteca e leva algún dos libros da exposición "LECTURAS MATEMÁTICAS" que preparamos pensando en ti. Nesta guía atoparás máis información sobre eses libros que te introducirán no mundo das matemáticas máis divertidas.







jueves, 9 de febrero de 2012

miércoles, 8 de febrero de 2012

O porqué do léxico matemático



Cun reducido número de raíces gregas e latinas pódense formar moitos termos propios da linguaxe científica e técnica.


Se queres coñecer o porqué dalgunhas palabras do léxico matemático, interésache ler este documento.








A divina proporción



A proporción áurea ou o número áureo, representado pola letra grega Φ, en honra ao escultor grego Fidias, está presente na natureza, o corpo humano, a arquitectura e outras manifestacións artísticas como a escultura, a música ou o deseño.


Pescúdao na seguinte presentación.






martes, 7 de febrero de 2012

Bicentenario do nacemento de Dickens






Hoxe cúmprense 200 anos do nacemento de Charles Dickens, un dos máis soados novelistas da literatura inglesa. As súas novelas, que se publicaban por entregas nos medios gráficos, inspiraron moitas adaptacións cinematográficas e televisivas.
As emocionantes historias que escribiu retratan de forma inigualable a sociedade da Inglaterra victoriana. Como bo abanderado do realismo, critica, con humor e ironía, a desigualdade entre ricos e pobres, as lamentables condicións de vida dos asalariados, a lentitude, ineficacia e arbitrariedade do sistema xudicial, a explotación infantil, o abandono, a pobreza, e outras miserias do ser humano. Algúns consideran que esta batalla contra a inxustiza e esta profunda sensibilidade social que impregna toda a súa obra, fixéronlle caer nun sentimentalismo excesivo.
Pero se por algo destacou Charles Dickens é pola aguda descrición de lugares e xentes: debuxou como ninguén o Londres do s. XIX e creou personaxes tan memorables como Oliver Twist.



Se queres coñecer algo máis sobre Dickens e, ao mesmo tempo practicar o teu inglés, pica aquí: atoparás un vídeo coa súa biografía e un xogo que che trasladará ao Londres victoriano. Tamén che recomendo dar un pequeno paseo virtual polo seu museo, visitar a súa páxina oficial e ler a información que che deixo nesta ligazón. E se o que desexas é saber o que opinaban de Dickens outros grandes da literatura universal como Dostoievsky ou Verne, aquí tes un vídeo que tamén inclúe imaxes dalgunhas películas inspiradas nas súas obras.





lunes, 6 de febrero de 2012

Semana das Matemáticas



Comeza hoxe unha semana dedicada ás Matemáticas no Leiras Pulpeiro. O Departamento de Matemáticas organizou unha serie de actividades para demostrarnos que as matemáticas están en todo o que nos rodea e poden ser moi divertidas.
Todos os grupos de ESO asistirán, segundo un horario previamente establecido, á proxección de dous vídeos: Donald e as Matemáticas e Viaxe ao infinito. A proxección terá lugar na biblioteca, onde tamén poderán ver a exposición de libros matemáticos que forman parte dos nosos fondos. No corredor central colocamos uns paneis con información variada: o número áureo na natureza e a arte, a sucesión de Fibonacci no mundo que nos rodea, a orixe grecolatino do léxico matemático, a historia dos números, unha colección de selos matemáticos, unha selección de poemas matemáticos e outras curiosidades matemáticas. E durante o recreo haberá xogos de enxeño, tangram, quebracabezas... Non cho perdas.

jueves, 2 de febrero de 2012

A Manolo Blanco, no Día da Paz



O pasado día 30 de xaneiro reunímonos no corredor principal do centro o alumnado, o profesorado e o persoal non docente para celebrar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz.

Este ano quixemos dedicalo ao noso benquerido compañeiro Manolo Blanco, que nos deixou o ano pasado. Manolo era un enorme traballador. Era coma un incansable motor que nunca deixaba de empurrar aos demais, que non paraba de iniciar novos proxectos, sempre comprometido coa educación dos seus alumnos e alumnas, cunha educación diferente.

El cría sen paliativos nunha cultura de paz, nunha sociedade na que os inevitables problemas que xorden da convivencia se resolveran pacificamente.

O luns foi o seu día, o día de Manolo, e quixemos lembrarlle (aínda que el sabe que en realidade o lembramos cada día). Descubrimos unha praca conmemorativa coa frase que estaba permanentemente presente nas súas mensaxes de correo. Pero antes limos uns textos. Uns textos sobre Manolo e sobre a Paz: unha parella indisoluble. Con eles quixemos dicirche, Manolo, que te botamos en falta. Pero tes que saber, querido compañeiro, que aínda que xa non esteas aquí, ao noso carón, nós seguiremos o camiño da Paz, ese camiño polo que tantas veces andaches ti diante de nós.

Moitas grazas por estar aí, moitas grazas por todos estes anos. Sempre estarás connosco.



O seguinte texto, unha sentida lembranza, foi publicada na revista "Lerias do Leiras", publicada polo EDLG do noso centro:


Con estas verbas abrimos durante anos os correos que o compañeiro Manolo nos envíaba informándonos da reunión do grupo de traballo (PAMCE), das reunións de titoría, do grupo de Comunicación non violenta (CNV), dos cursos para formación de mediadores ou dos encontros de educación pola paz.

Foron once anos nos que compartinos inquedanzas renovadoras e nas que Manolo nos invitaba a participar co seu ánimo sosegado e xeneroso e na que sempre asumía a parte que ninguén estaba disposto a desenvolver: a organización, dinamización e coordinación dunha morea de actividades que se foron desenvolvendo nestes anos.

No curso 1999-2000 chegamos ao IES Leiras a maioría do profesorado que hoxe formamos o claustro e dende ese momento e inintirrumpidamente desenvolvéronse grupos de traballo que tiveron relación coa mellora da convivencia: Integración das normas dende a titoría, a mellora da competencia lectora, a aprendizaxe cooperativa, competencias...

Manuel Blanco cría no papel da educación para mellorar as persoas e a sociedade, por iso o noso recordo estará sempre vencellado o seu labor dinamizador de experiencias para mellorar a práctica educativa, a súa metodoloxía, a actualización ós tempos que corren. Mais todo isto non o vivía coma unha abstracción, o seu traballo nos últimos anos centrouse na creación de dinámicas positivas de relacións entre as persoas, na mediación nos conflitos coa creación de grupos de alumnado mediador e na creación dunha rede de alumnos-as RAS (rede de alumnos solidarios). En definitiva foi o seu traballo a prol da renovación pedagóxica e da cultura da PAZ.

Manolo foi tamén un “bo e xeneroso” comprometido coa realidade galega e a defensa da nosa lingua. Recordamos a súa voz profunda e tranquila nos recitais poéticos que se celebraron en conmemoración das Letras Galegas. Este ano, coma outros Manolo ía recitar o poema de Lois Pereiro “ Amarte, vida, amarte case sempre”

A vida, sen o compañeiro Manolo, segue...
Con nós segue a súa xenerosidade, o seu traballo, a súa Paz.

Os compañeiros e compañeiras do IES Leiras Pulpeiro que nos sentimos unidos polos mesmos valores.