Amosando publicacións coa etiqueta Literatura Infantil e Xuvenil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Literatura Infantil e Xuvenil. Amosar todas as publicacións

sábado, 3 de abril de 2021

Día Internacional da Literatura infantil e xuvenil (2 de abril)


 

Compartimos a entrada do blog das nosas compañeiras do Equipo de Dinamización: 

o alumnado fai tres recensións sobre libros infantís ou xuvenís que lles gustaron e que temos na nosa bilioteca.

Aquí tedes o enlace: É un falar

Feliz día!


 Tamén vos deixo os enlaces dos vídeos nos que falan os vosos compañeiros:

 

Vampira de biblioteca (Ledicia Costas)

Tres Catorce Dezaseis (Rocío Leira) 

A bruxiña da sorte (Concha Blanco) 

 

domingo, 6 de maio de 2012

Visitounos a escritora Marica Campo


As alumnas e alumnos de 2º da ESO  limos a novela  E Xoel aprendeu a voar. O mércores 18 de abril estivemos coa súa autora Marica Campo. Explicounos que as súas historias nacen das súas observacións e das súas experiencias; do seu traballo como docente  aproveita o coñecemento da vida na adolescencia, por iso nos resulta doado identificarnos cos seus personaxes.

En toda a súa exposición  apreciamos o seu compromiso coa nosa lingua e coa terra. A conversa amena e o chapeo co que se cubría nos fixo sentir diante dunha maga da palabra.

E Xoel aprendeu a voar conta a historia dun rapaz de 13 anos que se chama Xoel. Xoel apenas ten vida fóra da PSP . Ao longo da historia   o protagonista descobre que o ordenador só é un medio e non un fin. A súa vida cambiará dunha maneira progresiva na obra. O protagonista vivirá aventuras incribles cos seus amigos, que o levarán a descubrir lugares e segredos inesperados, grazas a unha persoa anónima que parece sabelo todo del.


Marica Campo (María Pilar Campo Domínguez) naceu no Val do Mao no concello do Incio (Lugo), o 24 de febreiro de 1948.
Cursou a carreira de Maxisterio e realizou estudos de Teoloxía. Malia declararse mestra non vocacional, Marica Campo exerceu como profesora de Lingua e Literatura Galega durante trinta e seis anos no Instituto Poeta Díaz Castro en Guitiriz, ata a súa xubilación anticipada. Ata o ano 1992 en que sae ao público a escolma de poemas Tras as portas do rostro, Marica só tiña editada unha obra de teatro e poemas en revistas e publicacións contadas. Así mesmo, participaba con frecuencia en recitais e escribía letras de cancións para grupos musicais como Fuxan os Ventos.
            
Na actualidade, dedica todo o seu tempo á literatura e segue residindo en Guitiriz onde foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá en novembro de 2007.
Algunhas das súas obras son: O Premexentes non pode cos paxaros rebezos (1987); Tras as portas do rostro (1992); Confusión e morte de María Balteira (1996); Pedinche a luz prestada (2001); Memoria para Xoana (2002); Abracadabras (2007); Sextinario: trinta e seis + tres (2007) ou O Divino Sainete (2008).

x

luns, 26 de marzo de 2012

Anxo Fariña e A cara oculta de Lúa



Como é a túa cara oculta?

Que escondes detrás de ese sorriso?

Ti tamén tes poderes?

Todos os humanos temos dúas caras: a luminosa e a escura. A maioría das veces amosamos a cara luminosa pero outras...

O venres 16 de marzo visitounos Anxo Fariña; Os Megatoxos e A cara oculta de Lúa foi a desculpa para unha sesión estupenda de creación de historias, de heroes e de heroínas, de magníficas ilustracións en directo... foi un bo final para esta novela de aventuras.

.

venres, 22 de abril de 2011

Sofía, unha vaca toliña pola música


Este contiño de Geoffrey Pennart para nenos de entre 6 e 8 anos ten como protagonista a unha vaca concertista, que conseguirá cumprir o seu soño grazas á súa constancia e a pesar do rexeitamento e discriminación que sofre debido ao seu aspecto físico.

Un conto que, con gran sentido do humor e unhas simpáticas ilustracións, trata o tema da intolerancia.

Afortunadamente non todos somos iguais, nin falta que fai; a diversidade sempre é sumamente enriquecedora.

xoves, 10 de febreiro de 2011

Unha biografía

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba) sempre di que unha das cousas que máis lle gusta neste mundo é que lle conten historias: de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dun cine ou no brillo frío de calquera pantalla. E cando se lle pregunta onde están as raíces deste seu amor polos mundos de ficción, a resposta que dá é que todas elas veñen dos anos da súa infancia: dos relatos de medo que escoitaba a carón do lume, nun tempo no que aínda non chegara a televisión; dos libros de aventuras que había na pequena biblioteca de seu pai, se é que se lle pode chamar biblioteca a dos estantes ateigados de libros, onde Jules Verne convivía con Edgar Allan Poe ou Wenceslao Fernández Flórez, dos seriais que escoitaba pola radio, como Superman ou Unha princesa de Marte; dos moitos cómics que lía, onde descubriu a súa fascinación polos heroes de papel; das innesquecibles películas de cine que tanto o atraían, e ás que, anos despois, homenaxearía en Amor dos quince anos, Marilyn, un libro escrito no centenario do nacemento do cine... Nos anos grises da posguerra, aqueles mundos feitos con imaxes e palabras axudaban a vivir e facían medrar o territorio sen límites da imaxinación.

Así naceu a súa afección polo cine e polos libros, que xa nunca o abandonou. Pero Fernández Paz sabe ben que todas as persoas ás que lles gusta ler acaban sentindo tamén o desexo de escribir, porque a lectura e a escritura son inseparables como as dúas cars dunha mesma moeda. Quizais por iso tamén el crea historias e vidas no papel, empregando as palabras como únicos materiais. Mensaxes na botella, como lle gusta dicir dos seus libros, que bota ao mar desexando que alguén os recolla e lea o seu contido.

Entre os numerosos títulos que escribiu ata agora, atopamos unha variedade temática: dende narracións de medo (Cartas de inverno, Aire negro) ata novelas de anticipación (O centro do labirinto), pasando por outros que recollen historias realistas (Trece anos de Branca, Rapazas). Unha característica presente nunha boa parte dos seus libros é a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real (Cos pés no aire, As flores radiactivas, Amor dos quince anos, Marilyn, Avenida do Parque, 17, As fadas verdes), moitas veces adobada cunha abondosa carga de ironía e humor (O laboratorio do doutor Nogueira, Contos por palabras)... Polo seu libro O único que queda é o amor recibiu o Premio Nacional de Narrativa no 2008.

A Agustín Fernández Paz gústalle dicir, usando as palabras do noruegués Jostein Gaarder, que el está empeñado nunha loita explícita por conseguir un status digno para a literatura infantil e xuvenil. Aínda que os seus libros aparecen en colccións dirixidas á mocidade, o certo é que escribe as súas historias coa intención de que tamén lles interesen ás persoas adultas. Quizais por iso ten sempre presentes, a xeito de guía, as palabras que Don Álvaro Cunqueiro escribiu en 1963: "O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas, E se hai algo que estea claro nesta dieta é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños".

A súa obra, merecente de abundantes premios e recoñecementos (Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa,Protagonista Jove, Lista de Honra do IBBY, etc.), e amplamente traducida a diversas linguas, constitúe un referente incuestionable da literatura infantil-xuvenil galega.

luns, 22 de novembro de 2010

Un salvaxe entre lobos


O próximo 26 de novembro estrearase Entre lobos do director Gerardo Olivares. A película está baseada na historia real de Marcos, un neno que, na época da posguerra, foi vendido polo seu pai a un gandeiro para coidar cabras e ovellas na serranía de Córdoba. Tras a morte do pastor, Marcos aprenderá a sobrevivir no monte sen ter contacto con ningún ser humano e converterá a unha manada de lobos na súa única familia. Aos vinte anos é descuberto pola Garda Civil e conducido a un convento para ser reeducado. Actualmente Marcos ten sesenta e catro anos e vive nunha aldea de Ourense.

Probablemente tamén o autor catalán Antonio García Llorca inspirouse neste personaxe para escribir O salvaxe. García Llorca narra a historia de Bernabé vendido polo seu pai a un pastor chamado Polifemo. Bernabé vivirá durante doce anos illado da civilización sen máis compañía que a dos animais. Pero o seu auténtico calvario comezará cando intenten reintegralo a unha sociedade á que nin pertence nin comprende.


Un libro cheo de tenrura a pesar da crueza da historia e que nos evoca pasaxes da Odisea de Homero. O salvaxe, galardoado co Premio Angular 2009, impactarache e non che deixará indiferente.