martes, 15 de febrero de 2011

Agustín Fernández Paz no día dos namorados

O 14 de febreiro, no recreo, un grupo de namorados/as de Agustín Fernández Paz rendemos a nosa particular homenaxe ao autor, lendo "Esa estraña lucidez", un dos dez relatos que compoñen o seu libro O único que queda é o amor.

Unha conmovedora historia de amor máis aló da morte cun can como protagonista.

Déixovos aquí algunhas fotos que se tomaron durante a lectura.


jueves, 10 de febrero de 2011

Exposición e vídeo de Agustín Fernández Paz



O Centro de Documentación de Escritores Galegos pon a nosa disposición varios vídeos nos que Agustín Fernández Paz fala sobre as súas inquedanzas literarias. Se queres velo, preme aquí.

Tamén podes achegarte ata a biblioteca para ver a exposición que alí temos sobre o autor.

Unha biografía

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba) sempre di que unha das cousas que máis lle gusta neste mundo é que lle conten historias: de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dun cine ou no brillo frío de calquera pantalla. E cando se lle pregunta onde están as raíces deste seu amor polos mundos de ficción, a resposta que dá é que todas elas veñen dos anos da súa infancia: dos relatos de medo que escoitaba a carón do lume, nun tempo no que aínda non chegara a televisión; dos libros de aventuras que había na pequena biblioteca de seu pai, se é que se lle pode chamar biblioteca a dos estantes ateigados de libros, onde Jules Verne convivía con Edgar Allan Poe ou Wenceslao Fernández Flórez, dos seriais que escoitaba pola radio, como Superman ou Unha princesa de Marte; dos moitos cómics que lía, onde descubriu a súa fascinación polos heroes de papel; das innesquecibles películas de cine que tanto o atraían, e ás que, anos despois, homenaxearía en Amor dos quince anos, Marilyn, un libro escrito no centenario do nacemento do cine... Nos anos grises da posguerra, aqueles mundos feitos con imaxes e palabras axudaban a vivir e facían medrar o territorio sen límites da imaxinación.

Así naceu a súa afección polo cine e polos libros, que xa nunca o abandonou. Pero Fernández Paz sabe ben que todas as persoas ás que lles gusta ler acaban sentindo tamén o desexo de escribir, porque a lectura e a escritura son inseparables como as dúas cars dunha mesma moeda. Quizais por iso tamén el crea historias e vidas no papel, empregando as palabras como únicos materiais. Mensaxes na botella, como lle gusta dicir dos seus libros, que bota ao mar desexando que alguén os recolla e lea o seu contido.

Entre os numerosos títulos que escribiu ata agora, atopamos unha variedade temática: dende narracións de medo (Cartas de inverno, Aire negro) ata novelas de anticipación (O centro do labirinto), pasando por outros que recollen historias realistas (Trece anos de Branca, Rapazas). Unha característica presente nunha boa parte dos seus libros é a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real (Cos pés no aire, As flores radiactivas, Amor dos quince anos, Marilyn, Avenida do Parque, 17, As fadas verdes), moitas veces adobada cunha abondosa carga de ironía e humor (O laboratorio do doutor Nogueira, Contos por palabras)... Polo seu libro O único que queda é o amor recibiu o Premio Nacional de Narrativa no 2008.

A Agustín Fernández Paz gústalle dicir, usando as palabras do noruegués Jostein Gaarder, que el está empeñado nunha loita explícita por conseguir un status digno para a literatura infantil e xuvenil. Aínda que os seus libros aparecen en colccións dirixidas á mocidade, o certo é que escribe as súas historias coa intención de que tamén lles interesen ás persoas adultas. Quizais por iso ten sempre presentes, a xeito de guía, as palabras que Don Álvaro Cunqueiro escribiu en 1963: "O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas, E se hai algo que estea claro nesta dieta é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños".

A súa obra, merecente de abundantes premios e recoñecementos (Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa,Protagonista Jove, Lista de Honra do IBBY, etc.), e amplamente traducida a diversas linguas, constitúe un referente incuestionable da literatura infantil-xuvenil galega.

domingo, 6 de febrero de 2011

Podemos conseguir un mundo mellor




A propósito do Día Escolar da Non Violencia e da Paz, deixamos aquí un vídeo que traballamos na clase. Poderíamos deixar tamén a letra coa súa traducción, pero as imaxes o dicen todo.

Esperamos que entre todos, algún día, logremos transformar este mundo. Podemos comezar por seguir o exemplo deste home.

miércoles, 2 de febrero de 2011

Día da Paz no Leiras Pulpeiro


O día 30 de xaneiro celebrábase o Día Escolar da Non Violencia e da Paz (DENIP): ese día fai 63 anos que morreu Mahatma Ghandi. "Mahatma" significa "gran alma", e iso precisamente é o que tiña Ghandi, un corazón no que cabemos todos. Levou ao seu pobo á victoria rexeitando a violencia e a loita armada, instaurando métodos de loita social pacíficos pero non menos efectivos.

No instituto celebramos este día o 31 de xaneiro, dado que o 30 foi domingo. Os alumnos do centro deron lectura aos Haikus que tiñan preparado ao longo dos días previos. Eses haikus, coa súa sinxeleza, abren unha xanela a través da que se pode ollar un mundo de paz, unha sociedade sen violencia, uns desexos dun futuro mellor para eles mesmos.

(Preme no libro para poder lelo a un tamaño máis cómodo e poder escoitar a preciosa música que os acompaña)

2011 Ano dos Bosques



A vida de mil 600 millóns de persoas depende directamente dos bosques do Planeta, cuxa protección e conservación é, para a ONU, o principal obxectivo ambiental do ano que comeza.

Por iso, o lema elixido para a campaña é "Os bosques, para as persoas", co obxectivo de resaltar o papel fundamental dos seres humanos na protección dos bosques, fogar de 300 millóns de persoas no mundo, especialmente pobos indíxenas que están tamén ameazados.


Nós para sumarnos á celebración estamos a ler: