Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos humanos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Dereitos humanos. Amosar todas as publicacións

luns, 27 de xaneiro de 2025

 COÑECENDO OS DEREITOS HUMANOS

O alumnado de 2º de ESO da materia de Proyecto Competencial está a traballar sobre os dereitos que todos temos por natureza, os Dereitos Humanos.

Coñecendo os Dereitos Humanos é o resultado da investigación sobre cada un dos trinta artigos que compoñen a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (DUDH) adoptada pola ONU en 1948. Por grupos, o alumnado reflexou coa técnica de"pensamentos en imaxes" os artigos destos dereitos fundamentais.

Na exposición na nosa biblioteca podedes ver o resultado dos seus traballos e tamén unha mostra dos fondos sobre esta temática (lecturas para a Paz) que require hoxe máis que nunca da nosa atención e reflexión.

De todos os traballos, o equipo da Biblioteca escolleu os que mellor reflexan o contido do artigo dos Dereitos Humanos ao que se refiren e de aí sairon os gañadores do concurso "Coñecendo os nosos Dereitos".


Gañadoras do concurso "Coñecendo os Dereitos Humanos"

                     



xoves, 6 de xuño de 2013

O prometido é débeda no Leiras

Comercio xusto no IES Leiras Pulpeiro



Hoxe celebrouse no IES LEIRAS PULPEIRO unha charla de sensibilización (“O prometido é débeda”) por parte de Judith González Gamallo, a técnica de Educación para o Desenvolvemento da ONGD Jóvenes y Desarrollo. Esta actividade está organizada polo Departamento de Relixión Católica do instituto.

No centro instalouse unha exposición educativa itinerante formada por tres grandes paneis que abordan catro núcleos básicos do obxectivo do milenio nº 8: Fomentar unha asociación mundial para o desenvolvemento aumentando a cooperación internacional.

A campaña céntrase en catro conceptos básicos: o 0,7% e a Débeda Externa como compromisos adquiridos polos países asinantes, e o comercio xusto e o consumo responsable como accións que nos implican a todas as persoas directamente e que nos ofrecen a posibilidade de actuar de xeito responsable ante a situación de inxustiza mundial.

As visitas por parte do alumnado do centro aos paneis expositivos acompañáronse co traballo na aula do material didáctico impreso e audiovisual e a presentación da técnica da antedita ONGD no Salón de Actos.
Trala conferencia tivemos a oportunidade de degustar produtos de Comercio Xusto ofrecidos por Jóvenes y Desarrollo, unha alternativa ao comercio convencional, xa que ten en conta valores éticos, sociais e ecolóxicos.

Esta actividade enmárcase dentro do proxecto de Educación para o Desenvolvemento: “O prometido é débeda en Lugo” que se está executando en Lugo coa colaboración do Concello de Lugo co obxectivo de sensibilizar á poboación, sobre todo aquela que está en idade escolar, sobre os DDHH e os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e a importancia da súa consecución nos países do Sur. Dende o día 11 de xaneiro a exposición estará presente na Facultade de Maxisterio en Lugo.

sábado, 10 de decembro de 2011

10 de Decembro: Día dos DDHH



63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)