Amosando publicacións coa etiqueta Literatura Galega. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Literatura Galega. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de maio de 2012

Panxón e "A praia dos afogados"




O pasado día 19 de abril, fomos a Paxón para visitar os lugares onde se desenvolve o libro "A praia dos afogados" de Domingo Villar. Contamos cunha guía, Ana Carreira, que nos animou a participar recreando personaxes e escenas da novela.

Paseamos pola praia, as rúas, visitamos a singular obra artística do arquitecto Palacios, o Templo Votivo do Mar, e o porto; escenarios da trama  polos que pasou  Leo Caldas, un dos  protagonistas da obra.

Despois subimos a Monteferro, onde o guía Xosé  Lois Villar, experto en toponimia , microtoponimia e talasomimia,  nos explicou cousas sobre o mar, relacionadas coa pesca e coa novela.

Despois  de comer, collemos o bus para Lugo, no que rimos e cantamos.

O que máis nos gustou foron as paisaxes, xa que eran moi bonitas e distintas do que nos rodea a cotío. Tivemos a oportunidade de aprender máis cousas sobre o libro, e sobre Panxón.



Laura López López, Clara Coira Suárez e Sabela Brand García 4º ESO

domingo, 6 de maio de 2012

Visitounos a escritora Marica Campo


As alumnas e alumnos de 2º da ESO  limos a novela  E Xoel aprendeu a voar. O mércores 18 de abril estivemos coa súa autora Marica Campo. Explicounos que as súas historias nacen das súas observacións e das súas experiencias; do seu traballo como docente  aproveita o coñecemento da vida na adolescencia, por iso nos resulta doado identificarnos cos seus personaxes.

En toda a súa exposición  apreciamos o seu compromiso coa nosa lingua e coa terra. A conversa amena e o chapeo co que se cubría nos fixo sentir diante dunha maga da palabra.

E Xoel aprendeu a voar conta a historia dun rapaz de 13 anos que se chama Xoel. Xoel apenas ten vida fóra da PSP . Ao longo da historia   o protagonista descobre que o ordenador só é un medio e non un fin. A súa vida cambiará dunha maneira progresiva na obra. O protagonista vivirá aventuras incribles cos seus amigos, que o levarán a descubrir lugares e segredos inesperados, grazas a unha persoa anónima que parece sabelo todo del.


Marica Campo (María Pilar Campo Domínguez) naceu no Val do Mao no concello do Incio (Lugo), o 24 de febreiro de 1948.
Cursou a carreira de Maxisterio e realizou estudos de Teoloxía. Malia declararse mestra non vocacional, Marica Campo exerceu como profesora de Lingua e Literatura Galega durante trinta e seis anos no Instituto Poeta Díaz Castro en Guitiriz, ata a súa xubilación anticipada. Ata o ano 1992 en que sae ao público a escolma de poemas Tras as portas do rostro, Marica só tiña editada unha obra de teatro e poemas en revistas e publicacións contadas. Así mesmo, participaba con frecuencia en recitais e escribía letras de cancións para grupos musicais como Fuxan os Ventos.
            
Na actualidade, dedica todo o seu tempo á literatura e segue residindo en Guitiriz onde foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá en novembro de 2007.
Algunhas das súas obras son: O Premexentes non pode cos paxaros rebezos (1987); Tras as portas do rostro (1992); Confusión e morte de María Balteira (1996); Pedinche a luz prestada (2001); Memoria para Xoana (2002); Abracadabras (2007); Sextinario: trinta e seis + tres (2007) ou O Divino Sainete (2008).

x

mércores, 29 de febreiro de 2012

Homenaxe a Rosalía



O AELG anímanos a difundir a obra de Rosalía, cando se cumpren 175 anos do nacemento dunha das figuras máis emblemáticas do Rexurdimento da literatura galega decimonónica.


No noso centro, para conmemorar este aniversario, o venres 24 de febreiro, durante o recreo, desenvolvéronse as seguintes actividades:



  • Breve presentación da escritora homenaxeada e lectura na biblioteca, duns poemas rosalianos en galego e un lieder en castelán, por parte do profesorado e do alumnado na biblioteca. Ao terminar xurdiu un pequeno debate sobre a sorprendente actualidade dos poemas lidos e destacouse o innegable mérito que supón o publicar a obra poética naquela época, na que a muller tiña un papel moi pouco relevante na sociedade.


  • Exposición de todas as edicións das diferentes obras de Rosalía, CDs coa súa poesía musicada, biografías e estudos críticos que forman parte dos fondos bibliográficos da nosa biblioteca.


  • No corredor central, audición de poemas de Rosalía musicados.

E velaí os textos utilizados e as fotos do acto:


















venres, 24 de febreiro de 2012

O día de Rosalía




O 24 de febreiro é o Día de Rosalía. Lembramos con esta efeméride o nacemento da escritora máis senlleira das letras galegas.

Escribiu tanto en verso como en prosa, en galego e castelán, pero destacou pola súa poesía intimista e polo seu compromiso coa lingua galega tan desprezada e desprestixiada na época na que ela viviu.

Para un achegamento inicial á figura de Rosalía, recoméndovos que leades esta versión dixital do libro Rosalía ilustrado por Ánxeles Ferrer e escrito por Helena Villar, escritora lucense e presidenta da Fundación Rosalía de Castro.









Se queredes saber máis sobre a súa biografía e obra, déixovos aquí as seguintes ligazóns:

Fundación e Casa Museo Rosalía de Castro

Aquí atoparás unha zona para descargar a súa obra

Galipedia

Biblioteca Virtual Galega

Praza das letras

Autores galegos

Biblioteca das Letras galegas

Cultura galega

AELG, día de rosalía

E se o que preferides é escoitar os seus poemas musicados, quí tedes algún dos vídeos que atopamos na rede:







  • Mayo longo, musicado por Carlos Núñez e cantado por Anabela



















  • Alborada , unha versión en clave de jazz, na que participan Anxo Angueira, o pianista Abe Rábade, Guadi Galego como cantante, Jesús Santandreu no saxo tenor, Nelson Cascaisao ao contrabaixo e Bruno Pedroso á batería.










E, por último Canzón pra Rosalía de Castro, de García Lorca, musicada por Rafa Lorenzo.






domingo, 15 de xaneiro de 2012

De lecturas Leirantes no Museo Provincial



A sala dedicada a Castelao no Museo Provincial de Lugo acolleu o pasado 21 de decembro a actividade final do noso club de lectura sobre a obra Retrincos de Castelao. Alumnos e profesores integrantes de Lecturas Leirantes (nome do noso club) deleitáronse cos comentarios intercambiados sobre a obra -previamente lida e gozada-, sobre Castelao e sobre sentimentos e vivencias da Galicia de sempre. A mostra de debuxos de Castelao, que enriquece as paredes desta sala, propiciou que se aproveitase para falar tamén da súa obra gráfica e que os rapaces participasen nun taller de debuxo relacionado coa mesma.


Grazas a todos os lectores leirantes pola vosa participación, e parabéns pola vosa actitude.



luns, 9 de xaneiro de 2012

Castelao na biblioteca




Aínda podedes ver na biblioteca unha selección de libros que completa a exposición sobre Castelao.


Deíxovos tamén aquí un vídeo que atopei en youtube, no que podedes comprobar a faceta de caricaturista e debuxante do autor de Rianxo.












Exposición sobre Castelao


















Desde o 12 de decembro, o corredor principal do noso centro acolle unha exposición sobre Castelao, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

O contido da mostra pretende difundir a traxectoria vital e profesional do escritor de Rianxo con motivo do 125 aniversario do seu nacemento.

Todo o alumnado puido comentar e ampliar a información contida nos paneis coa axuda das profesoras de Lingua e Literatura Galegas.

A mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.


xoves, 9 de xuño de 2011

LOIS PEREIRO: VIII Recital Poético no Leiras







Un ano máis o Equipo de Dinamización Lingüística organiza un recital poético no que participan alumnado de 3º e 4º de ESO, profesorado e persoal non docente. Coas imaxes e músicas, seleccionadas por alumnos e alumnas de Música de 3º e 4º poñemos voz ao poeta homenaxeado nas letras galegas e a outros autores do grupo Poetas De Amor e Desamor entre os que se encontran Manuel Rivas, Lino Braxe, Pilar Pallarés...





LOIS PEREIRO é unha voz poética crúa, forte, dura... núa; unha voz que, como dixo Manuel Rivas, é unha voz escura que aluma claridade. A súa experiencia foi breve, pero intensa. Como intensa e contundente é a súa poesía. As súas lecturas, as súas viaxes, o seu coñecemento de diferentes linguas, convivencia coa morte...todo o que conformou a súa vida está presente nos seus poemas cargados de sentimento e paixón, de amor e de saudade.


Escoitar os poemas foi para todos moi grato.








martes, 17 de maio de 2011

Salvando libros no Día das Letras Galegas






Un grupo bastante numeroso de bibliotecas escolares de Galicia participou nesta iniciativa de salvar libros escritos en galego e por autores galegos.



O proxecto, ao que tamén se sumou o noso centro, inspirouse no libro Fahrenheit 451 de Ray Bradbury.

Esta é a escolma de libros salvados polo centros de educación Infantil





Estos son os libros que salvaron os centros de Educación Primaria





E esta é a escolma de libros que salvaron os centros de Ensino Secundario e algúns persoeiros relacionados co mundo das letras e da cultura




Desde aquí queremos felicitar a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, polo magnífico deseño dos cartaces nos que salvamos os nosos libros, e darlle as grazas polo seu desinteresado traballo.

Moitísimas grazas tamén ao IES LUIS SEOANE DE PONTEVEDRA e a ESCOLA UNITARIA DE VIDE polo enorme esforzo de coordinar a todas as bibliotecas escolares de Galicia.

luns, 18 de abril de 2011

Encontros do PLAMBE 2011

Os pasados 7 e 8 de abril tiven o privilexio de asistir aos Encontros de Plan de Mellora de Bibliotecas escolares organizados pola Asesoría de Bibliotecas escolares.

O primeiro día tan só fomos convocados os 79 responsables da dinamización das bibliotecas recentemente incorporadas ao PLAMBE no curso 2010-2011. O último día citáronnos aos 374 centros que xa formamos parte de este gran grupo.

Parabéns ás asesoras, Pilar Sampedro e Cristina Novoa, que, coma sempre, demostraron o seu saber facer e actuaron en todo momento como auténticas e perfectas mestras de cerimonias. Moitísimas grazas por brindarnos a ocasión de coñecer a compañeiros doutros centros e poder compartir con eles inquietudes, actividades e proxectos relacionados con este mundo tan absorbente e engaiolante das bibliotecas.

O programa foi realmente intensivo e resúltame moi difícil transmitirvos todo o que alí aprendín. Se queredes podedes entrar como convidados neste enlace e consultar todos os materiais que tan xenerosamente expertos e compañeiros doutros centros poñen á nosa disposición e que nos axudarán, sen dúbida, a mellorar.

O broche final correu a cargo de Xosé Neira Vilas. A elección deste gran escritor para clausurar estes encontros non podía ser máis acertada, tendo en conta que este ano se celebra, como sabedes, o 50º aniversario da publicación da súa obra máis emblemática, Memorias dun neno labrego.

Nunha aparente improvisada charla, Xosé Neira Vilas, foi revelando con ironía, retranca, xenialidade e unha enorme simpatía e sabedoría, detalles biográficos da súa relación co libro, a literatura ou as bibliotecas.

Déixovos aquí algunha das perlas que puidemos escoitar da boca do entrañable Neira Vilas e que fielmente recollen no blog As zocas faladoras os nosos compañeiros do IES de Poio.

Lembranzas da súa infancia en Galicia

"Eu tiña que andar oito quilómetrosida e oito quilómetros de volta para ir á escola tres días á semana, e non por un camiño asfaltado, polo medio do monte, con pedras e cheo de lama"...

"Os xoguetes faciámolos nós polo que non os rompíamos e ade´mais aprendíamos a usau as ferrametas" ...

"Eu pedía libros a Barcelona para poder ler e escondíaos debaixo das tellas"

"Aos 16 anos traballaba nun aserradeiro"

Lembranzas da súa etapa como emigrante en Arxentina

"Quería estudar e estudei xornalismo" ...

"Lía moitos libros que logo lle daba a dúas escolas"..."Anisia e eu fundamos unha distribuidora do libro galego, Follas Novas, co fin de difundir o libro galego en toda América; co 30% que lle gañabamos aos libros, invertiámolo en libros galegos que ían ás bibliotecas"...

Lembranzas dos anos que viviu coa súa dona Anisia en Cuba


" En Cuba había daquela 6, 4 libros por habitante"...

"Alí os mestres teñen moito prestixio social..., non hai suspensos; o suspenso é un problema de honor para o mestre e todos colaboran para que non se suspenda"...

Comentarios do seu libro
Memorias dun neno labrego


"Memorias está considerado o primeiro libro da literatura infantil e xuvenil pero non foi escrito para nenos"...

"Eu dixen: "hai que contar isto, o drama dos campesiños". Os libros que daquela había sobre campesiños daban unha visión chocalleira dos mesmos"...

" Eu tiña trinta anos. Escribía nun caderno as historias de Balbino, igual que Balbino. Escribía nun café e o primeiro lector de Memorias foi o camareiro daquel café; o segundo foi Anisia e o terceiro Rafael Dieste"...

"Hoxe en día está publicado en múltiples idiomas e hai tamén unha edición en Braille para cegos publicada pola ONCE de A Coruña"...

E para rematar dúas frases que demostran a súa sinxeleza e o seu gran
sentido do humor

"Eu sempre andei entre libros; acariñaba os libros como un avaro acariñaba as moedas"...

"Agora recibo homenaxes e discursos. Este tipo de discursos faise cando o autor está morto e eu pido disculpas porque estou vivo"...

E se queredes, tamén podedes deleitarvos cunha ampla reportaxe fotográfica que nos facilita O Segrel do Penedo do IES de Fene.







martes, 15 de febreiro de 2011

Agustín Fernández Paz no día dos namorados

O 14 de febreiro, no recreo, un grupo de namorados/as de Agustín Fernández Paz rendemos a nosa particular homenaxe ao autor, lendo "Esa estraña lucidez", un dos dez relatos que compoñen o seu libro O único que queda é o amor.

Unha conmovedora historia de amor máis aló da morte cun can como protagonista.

Déixovos aquí algunhas fotos que se tomaron durante a lectura.


xoves, 10 de febreiro de 2011

Exposición e vídeo de Agustín Fernández Paz



O Centro de Documentación de Escritores Galegos pon a nosa disposición varios vídeos nos que Agustín Fernández Paz fala sobre as súas inquedanzas literarias. Se queres velo, preme aquí.

Tamén podes achegarte ata a biblioteca para ver a exposición que alí temos sobre o autor.

Unha biografía

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba) sempre di que unha das cousas que máis lle gusta neste mundo é que lle conten historias: de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dun cine ou no brillo frío de calquera pantalla. E cando se lle pregunta onde están as raíces deste seu amor polos mundos de ficción, a resposta que dá é que todas elas veñen dos anos da súa infancia: dos relatos de medo que escoitaba a carón do lume, nun tempo no que aínda non chegara a televisión; dos libros de aventuras que había na pequena biblioteca de seu pai, se é que se lle pode chamar biblioteca a dos estantes ateigados de libros, onde Jules Verne convivía con Edgar Allan Poe ou Wenceslao Fernández Flórez, dos seriais que escoitaba pola radio, como Superman ou Unha princesa de Marte; dos moitos cómics que lía, onde descubriu a súa fascinación polos heroes de papel; das innesquecibles películas de cine que tanto o atraían, e ás que, anos despois, homenaxearía en Amor dos quince anos, Marilyn, un libro escrito no centenario do nacemento do cine... Nos anos grises da posguerra, aqueles mundos feitos con imaxes e palabras axudaban a vivir e facían medrar o territorio sen límites da imaxinación.

Así naceu a súa afección polo cine e polos libros, que xa nunca o abandonou. Pero Fernández Paz sabe ben que todas as persoas ás que lles gusta ler acaban sentindo tamén o desexo de escribir, porque a lectura e a escritura son inseparables como as dúas cars dunha mesma moeda. Quizais por iso tamén el crea historias e vidas no papel, empregando as palabras como únicos materiais. Mensaxes na botella, como lle gusta dicir dos seus libros, que bota ao mar desexando que alguén os recolla e lea o seu contido.

Entre os numerosos títulos que escribiu ata agora, atopamos unha variedade temática: dende narracións de medo (Cartas de inverno, Aire negro) ata novelas de anticipación (O centro do labirinto), pasando por outros que recollen historias realistas (Trece anos de Branca, Rapazas). Unha característica presente nunha boa parte dos seus libros é a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real (Cos pés no aire, As flores radiactivas, Amor dos quince anos, Marilyn, Avenida do Parque, 17, As fadas verdes), moitas veces adobada cunha abondosa carga de ironía e humor (O laboratorio do doutor Nogueira, Contos por palabras)... Polo seu libro O único que queda é o amor recibiu o Premio Nacional de Narrativa no 2008.

A Agustín Fernández Paz gústalle dicir, usando as palabras do noruegués Jostein Gaarder, que el está empeñado nunha loita explícita por conseguir un status digno para a literatura infantil e xuvenil. Aínda que os seus libros aparecen en colccións dirixidas á mocidade, o certo é que escribe as súas historias coa intención de que tamén lles interesen ás persoas adultas. Quizais por iso ten sempre presentes, a xeito de guía, as palabras que Don Álvaro Cunqueiro escribiu en 1963: "O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas, E se hai algo que estea claro nesta dieta é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños".

A súa obra, merecente de abundantes premios e recoñecementos (Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa,Protagonista Jove, Lista de Honra do IBBY, etc.), e amplamente traducida a diversas linguas, constitúe un referente incuestionable da literatura infantil-xuvenil galega.