venres, 16 de setembro de 2011

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS DESPEDIMOS A Mª DOLORES

Comezamos o curso con tristeza.


Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.


Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto! Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.


Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa


Pilar Sampedro


Asesoría Bibliotecas Escolares









posanollocurtiscambre
jdoloresj
teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig

venres, 8 de xullo de 2011

PECHAMOS POR VACACIÓNS




Sí, pechamos por vacacións. E as temos ben merecidiñas.
Este primeiro ano como membros do PLAMBE foi moi positivo. A nosa biblioteca luce cun aspecto renovado e as actividades que en torno a ela realizamos deixáronnos exhaustas. Necesitamos descansar e recuperar algunha das ilusións que perdemos polo camiño.

Con todo, ímonos contentas e coa sensación do deber cumprido: moitas horas de dedicación, máis alá das remuneradas e das que constan no noso horario, noites de insomnio pensando en signaturas, CDUs e actividades de dinamización, peleas coas ferramentas Web 2.0 que non controlamos, asistencia a cursos de formación, búsqueda de apoios, rexistrar, catalogar e colocar e recolocar libros nos andeis en medio dun anaquiño de soidade, horas de lecer que non puidemos compartir cos nosos compañeiros e horas que roubamos ás nosas familias ..., en definitiva, moito, moitísimo traballo, que non sempre é recoñecido públicamente nin suficientemente valorado.


Pero como a mellor terapia é rirse dun mesmo, aquí vos deixo unha curtametraxe que sí me fixo rir. Os nosos compañeiros do IES Fonte Albei de Fonsagrada recibiron un premio ben merecido por este traballo no Festival audiovisual galego OLLOBOI. Con ironía, humor e moita retranca ofrécennos unha particular visión sobre a figura do encargado da biblioteca. Invítovos a que a vexades. Sen ánimo de dramatizar, asegúrovos que neste curso que agora acabou sentínme en varias ocasións como o Biblioman da curta.


Deséxovos descanso e boas lecturas.


Rosa



xoves, 30 de xuño de 2011

UNHA XORNADA DIFERENTE





O 21 de xuño viviuse no Leiras unha xornada diferente. 120 alumnos/as participaron con moito entusiasmo na I Xincana Literaria. A iniciativa, promovida polo Equipo da biblioteca, tivo tan boa acollida entre o alumnado que desbordou todas as nosas expectativas.


Cun número tan elevado de inscritos non nos quedou máis remedio que formar 20 equipos. Cada un dos equipos estaba integrado por 6 alumnos/as dos catro cursos da ESO e da Aula de Autismo. Pretendíamos deste xeito propiciar as relacións interpersonais, fomentar o traballo colaborativo a través dunha actividade lúdica e diferente e educar nos valores de tolerancia e respecto. E unha vez máis o noso alumnado demostrou a súa capacidade de convivencia e integración.


Parabéns para todos os participantes polo seu exemplar comportamento.























A xincana desenvolveuse en dúas fases.



Na primeira fase cada un dos equipos tivo que resolver dez probas utilizando non máis de dez minutos para cada unha delas. Tratábase de que empregasen estratexias de procura da información e, para iso, tiñan a súa disposición bibliografía e ordenadores. O capitán de cada equipo levaba unha carpeta coas instruccións, un mapa do centro co número da proba e a súa localización e unha folla de rexistro. En cada posto de control un profesor/a encargouse de vixiar e cualificar as probas. No deseño destas colaboraron os departamentos de Ciencias, Educación Física, Física e Química, Galego, Grego, Historia, Inglés, Música, Plástica, Relixión e Tecnoloxía.


Na fase final, os seis equipos seleccionados por ter obtido unha maior puntuación enfrontáronse realizando outras catro probas. Estas últimas probas non requiriron gran esforzo físico senón habilidade e destreza. Carricoba, o profe de Historia, encargouse de que resultasen francamente divertidas.
Ó día seguinte, na hora de lecer procedemos á entrega dos premios. Todos os participantes recibiron un artístico diploma deseñado por Paula, a profe de Plástica, e os seis equipos finalistas obtiveron un lote de libros, camisetas, unha axenda, marcapáxinas ...


Deixámosvos aquí algunhas das moitas fotografías co resultado desta interesantísima actividade que todos estamos desexando volver a repetir.















mércores, 29 de xuño de 2011

UN RECUERDO EMOCIONADO





Al alumnado y a los compañeros y compañeras de años felices, a nuestros esforzados y "pacientes" tecnólogos, a las Directivas anteriores y a la actual, y en representación de todas ellas, a Íñigo, como yo, amante de los haikus:


Una pantalla:

el mundo a un solo paso


de la mirada.


Y a todo el profesorado de los distintos Departamentos, con Marina y Rosa a la cabeza, que tanto están trabajando en favor de la lectura:


En un libro


la vida se disfraza


de letras danzarinas.


Con mi reconocimiento y cariño, que hago extensivo a mis compañeros "jubilosos".


Reme






martes, 14 de xuño de 2011

Apadriñando lectores



O 7 de xuño recibimos unha visita moi especial. Nenos e nenas de 5 aniños do Colexo de Casás acercáronse ata o noso centro para participar na actividade “Apadriña un lector”.

Uns días antes, 40 alumnos e alumnas de 1ª, 2º, 3º de ESO e 1º de BAC elixiron os contos que lles ían ler aos pequechos. Desde aquí queremos dar as grazas á Biblioteca Nodal por prestarnos todos os libros que se leron e polos suxestivos marcapáxinas cos que agasallamos aos pequenos e pequenas.

A iniciativa tiña como obxectivo fomentar o interese pola lectura e potenciar as relacións interpersonais. E sen dúbida lográmolo. De contado, o libro creou ese vínculo afectivo que pretendíamos. Os maiores prepararanse a conciencia e sorprenderon aos pequenos con debuxos, xogos malabares, monicreques, chuches, algún disfrace e moito entusiasmo.

E, como unha imaxe vale máis que mil palabras, aquí vos deixo algunhas fotos desta actividade que xa estamos desexando repetir.






xoves, 9 de xuño de 2011

LOIS PEREIRO: VIII Recital Poético no Leiras







Un ano máis o Equipo de Dinamización Lingüística organiza un recital poético no que participan alumnado de 3º e 4º de ESO, profesorado e persoal non docente. Coas imaxes e músicas, seleccionadas por alumnos e alumnas de Música de 3º e 4º poñemos voz ao poeta homenaxeado nas letras galegas e a outros autores do grupo Poetas De Amor e Desamor entre os que se encontran Manuel Rivas, Lino Braxe, Pilar Pallarés...





LOIS PEREIRO é unha voz poética crúa, forte, dura... núa; unha voz que, como dixo Manuel Rivas, é unha voz escura que aluma claridade. A súa experiencia foi breve, pero intensa. Como intensa e contundente é a súa poesía. As súas lecturas, as súas viaxes, o seu coñecemento de diferentes linguas, convivencia coa morte...todo o que conformou a súa vida está presente nos seus poemas cargados de sentimento e paixón, de amor e de saudade.


Escoitar os poemas foi para todos moi grato.








mércores, 1 de xuño de 2011

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas








Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos.
Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.


Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal.



Onde quedou ese entusiamo?



Que interpretación debemos facer?



O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo?




E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

luns, 23 de maio de 2011

Lu e Go xúntannos na muralla



O escritor Antonio Reigosa e os personaxes do seu libro "Lu e Go pola muralla" xuntaron en Lugo a medio centenar de lectores.

O alumnado dos clubs de lectura, "O xograr lector" do IES X.Afonso Gómez, "A vacaloura" do IES de Monterroso e "Lecturas Leirantes" do IES Leiras Pulpeiro de Lugo (anfitrión), acompañado de varios profesores, tivo a súa disposición ó creador do gato Lu e do rato Go, Antonio Reigosa, para recrear in situ as andanzas destes dous personaxes pola muralla.


Falounos, Reigosa , tamén da historia da cidade, de multitude de anécdotas de personaxes de onte e de hoxe do noso Lugo.

Durante o percorrido sucederon dalgunha maneira cousas estranas: a caída de Sabela(afortunadamente sen consecuencias graves) que semella á de Lu e Go polos furados das paredes, o coche da policía a carreira pola muralla, o monxe budista que nos aparece de frente...

!Inesquecible a volta á muralla!

Na biblioteca do centro tivo lugar a comida dos participantes; entre bocado e bocado non faltou tampoco a charla sobre este e outros libros.





domingo, 22 de maio de 2011

Arredor do 36



Aproveitando a proxección do documental "O segredo da Frouxeira" e a visita de Paulino Gasalla, preparamos na biblioteca a exposición "Arredor do 36".

Deixamos aquí unha imaxe e un glogster coa selección de libros que fixemos.

O segredo da Frouxeira








O xoves 12 de maio proxectouse no salón de actos o documental "O segredo da Frouxeira" . O documental, que forma parte da Memoria Histórica e ten unha enorme carga dramática, é o resultado dunha longa investigación levada a cabo por Paulino Gasalla.


Trala proxección, o propio Paulino Gasalla comentou co alumnado de 1º e 2º de BAC como o fortuito achado na casa da súa sogra duns recortes de periódico levouno a iniciar unha minuciosa investigación co obxectivo de esclarecer a traumática desaparición de Alejandro Porto Leis, o último alcalde republicano de Serantes en Ferrol. "O segredo da Frouxeira" profundiza na historia de catro familias relacionadas entre si por un feito dramático silenciado durante décadas. Alejandro Porto Leis foi asasinado polo franquismo en 1938 xunto con Jesús Miño, Abelino Landeira e Modesto del Río, os tres veciños que o axudaron a ocultarse. Paulino reflexionou co alumnado sobre a importancia de atopar os cadáveres dos desaparecidos durante a represión franquista. Despois de máis de 70 anos, non é o afán de vinganza o que move as familias, senón unha necesidade de saber a verdade, para poder pechar esta vergonzante etapa da Historia de España.