luns, 30 de xaneiro de 2012

Tristes guerras



Con motivo do Día Escolar da a Paz e a non Violencia, que se celebra o 30 de xaneiro, elaboramos a Guía de lecturas "Tristes Guerras".

















Trátase dunha selección de obras que nos transmiten valores de respecto, tolerancia e solidariedade. Todas teñen como telón de fondo un conflito armado e falan das inútiles e desgarradoras guerras e as súas nefastas consecuencias. Como dicía Miguel Hernández, todas as guerras son tristes e fan aos homes tristes.



Aprendamos, a través da lectura, que as nosas mellores armas son as palabras e o diálogo.



Todos os libros seleccionados forman parte da exposición actual da biblioteca e podes levalos en préstamo.









domingo, 15 de xaneiro de 2012

De lecturas Leirantes no Museo Provincial



A sala dedicada a Castelao no Museo Provincial de Lugo acolleu o pasado 21 de decembro a actividade final do noso club de lectura sobre a obra Retrincos de Castelao. Alumnos e profesores integrantes de Lecturas Leirantes (nome do noso club) deleitáronse cos comentarios intercambiados sobre a obra -previamente lida e gozada-, sobre Castelao e sobre sentimentos e vivencias da Galicia de sempre. A mostra de debuxos de Castelao, que enriquece as paredes desta sala, propiciou que se aproveitase para falar tamén da súa obra gráfica e que os rapaces participasen nun taller de debuxo relacionado coa mesma.


Grazas a todos os lectores leirantes pola vosa participación, e parabéns pola vosa actitude.



luns, 9 de xaneiro de 2012

Castelao na biblioteca




Aínda podedes ver na biblioteca unha selección de libros que completa a exposición sobre Castelao.


Deíxovos tamén aquí un vídeo que atopei en youtube, no que podedes comprobar a faceta de caricaturista e debuxante do autor de Rianxo.












Exposición sobre Castelao


















Desde o 12 de decembro, o corredor principal do noso centro acolle unha exposición sobre Castelao, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

O contido da mostra pretende difundir a traxectoria vital e profesional do escritor de Rianxo con motivo do 125 aniversario do seu nacemento.

Todo o alumnado puido comentar e ampliar a información contida nos paneis coa axuda das profesoras de Lingua e Literatura Galegas.

A mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.


xoves, 22 de decembro de 2011

Bó Nadal e Feliz Aninovo

O NADAL é tempo de descanso...



...de reencontros...



..de ledicia...



É tempo de sentarse nun recuncho...



...de respirar tranquilo...



...e LER UN LIBRO...



Dende a Biblioteca Escolar do IES Leiras Pulpeiro queremos enviarvos os nosos mellores desexos e algunha recomendación, por se vos apetece viaxar entre as páxinas dun libro amigo... Bó Nadal e Feliz Aninovo.




















sábado, 10 de decembro de 2011

10 de Decembro: Día dos DDHH



63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!


Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


mércores, 7 de decembro de 2011

Todos somos distintos



O Departamento de Orientación en colaboración co Equipo da Biblioteca organizou unha actividade para conmemorar o Día Mundial da Discapacidade que se celebra o 3 de decembro. Con ela pretendíamos acadar os seguintes obxectivos:




  • Coñecer as características das persoas con limitacións físicas e intelectuais.


  • Valorar as diferenzas e rexeitar a discriminación.


  • Mellorar a convivencia mediante a integración.


O venres día 2 e o luns día 5, segundo un horario predeterminado, o alumnado de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de PDC asistiu a proxección e posterior comentario de tres vídeos: Capacidades diferentes, O cazo de Lorenzo e Sofía, a vaca toliña pola música . Remataron a sesión realizando un exercicio que consistía en identificar os símbolos que representan a cada unha das diferentes discapacidades físicas e intelectuales.





Podedes volver a botar unha ollada a este vídeo tan cheo de tenrura.

sábado, 26 de novembro de 2011

Actividades 25 N



O 25 de novembro, Día Internacional contra á violencia de xénero, o alumnado de 3º de ESO participou nunha charla-coloquio moderada por dúas mulleres da Asociación Enriqueta Otero de Lugo. A actividade desenvolveuse na biblioteca entre as 10:10 e as 11:00 h. nun ambiente de cordialidade. Analizaron os falsos mitos que tratan de xustificar a violencia machista e reflexionaron sobre a preocupante gravidade desta lacra social, consecuencia da desigualdade entre mulleres e homes.



A continuación, no período de lecer, un grupiño de alumnos e alumnas encargáronse de repartir lazos de cor violeta.


Durante todo o día, nas diferentes clases realizáronse lecturas alusivas ao tema da violencia de xénero, para tomar conciencia da necesidade de atallar todo tipo de violencia hacia a muller e aprender a importancia que ten compartir a vida en igualdade desde o respecto.


As reflexións foron plasmadas por escrito e colocadas polo alumnado nos paneis do corredor central do instituto. E para que non se esqueza o drama que supón a violencia machista, escribiron os nomes dalgunhas das 54 mulleres que foron asasinadas no ano 2011.






venres, 25 de novembro de 2011

Galiciencia 2011 en Tecnópole





(Imaxe tomada da revista oficial Galiciencia; nela adivíñase a presenza de Marina García, de José Manuel Traseira, autor desta reseña, e dalgún dos alumnos e alumnas do IES Leiras Pulpeiro que puideron disfrutar da sexta edición da Galiciencia)







O pasado 23 de novembro, 45 alumnos e alumnas de 4º ESO e 1º BAC de Ciencias, acompañados polos seus profesores Marina García, Xabi Díaz e José Manuel Traseira, trasladámonos ao Parque Teconolóxico de Ourense, para asistir as actividades de Galiciencia, a maior feira científica de Galicia.


Esta nova edición de Galiciencia sumouse a conmemoración do Ano Internacional da Química con interesantísimos talleres realcionados con esta materia.


Así, os privilexiados do Leiras Pulpeiro puidemos asistir ó taller sobre Ciencia e Cine impartido por David Ballesteros. Nel explicounos a intervención da química na elaboración dalgúns efectos especiais, o emprego do nitróxeno líquido no proceso de conxelación ou a técnica da pantalla verde ou "Chroma Keyng".


Despois percorremos unha carpa chea de postos con inxeniosos e orixinais proxectos de estudiantes de Secundaria e FP de Galicia e outras comunidades como Cataluña ou Euskadi. Destacaron polo seu interese experiencias como a obtención de biodiesel a partir de aceites reciclados, a fabricación de papel con algas,os robots-logo, as neveras solares ou a explicación de como o alumnio frea aos imáns.


Finalmente asistimos ó taller de Química recreativa do profesor Carlos Pérez. Os experimentos que presentou, a maneira do programa televisivo "El hormiguero" fixéronnos pasar un rato moi divertido. Aprendemos a usar solucións indicadoras de color para converter auga en viño, a dobrar metais con nitinol, como facía Uri Geller coas culleres. Tamén falounos dos fluidos metaestables, dos polímeros hiperhidratables que se utilizan na fabricación dos pañais dos astronautas e doutros trucos de maxia que esconden fascinantes fenómenos químicos. Pero a actividade final que se fixo no xardín foi a que máis nos sorprendeu: demostrou como facer estoupar unha bomba de fume con pelotas de ping-pong e papel de aluminio.


Todos nós quedamos moi satisfeitos da visita á Tecnópole, porque é unha forma práctica e divertida de aprender Ciencia. O vindeiro curso esperamos repetir a experiencia pero, se é posible, presentando algún proxecto nos mesmos.