xoves, 15 de marzo de 2012

Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino


O Gustavo Freire acolleu, o 13, 14 e 15 de marzo, unha nova edición do Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino, que organiza a asociación Prósopon e a sección galega da SEEC en colaboración co Concello de Lugo. O alumnado do Leiras que cursa Grego en 1º e 2º de BAC e Cultura Clásica en 4º de ESO, non podía faltar á cita. Asistimos, pois, á representación de dúas traxedias gregas e unha comedia latina, co obxectivo de coñecer mellor o xénero dramático e algúns dos mitos gregos máis coñecidos e xa estudados na clase. E, sen dúbida, a actividade cumpriu todas as nosas expectativas. Por unhas horas, actores e actrices non profesionais fixeron posible o soño de trasladarnos á Antiga Grecia. Vaia desde aquí a nosa admiración e recoñecemento por ese enorme esforzo de memorización e interpretación.
O grupo Noite Bohemia do IES Ramón Menéndez Pidal de A Coruña representou a Electra de Sófocles. Unha impresionante montaxe para unha historia de vinganza, amor e morte. Sorprendeunos o innovador sistema de retroproxección que utilizaron e a vistosidade da coreografía. Pero o que, sen dúbida, máis nos impactou, foi a excelente interpretación da protagonista, Electra.

Electra de Sir William Blake Richmond

O grupo Noite Bohemia

Lusco e Fusco, categoría inferior de Noite Bohemia, permitiunos rebaixar a tensión que esixe unha traxedia, coa representación da Aulularia de Plauto. Puidemos rirnos das preocupacións do avaro Euclión por manter a bon recado unha pota chea de moedas de ouro.
O grupo Parrocha do IES Elviña da Coruña trouxo a escena a Medea de Eurípides. Desgraciadamente trátase dun mito reconocible na actualidade. Os medios de comunicación, a miúdo, ofrécennos noticias protagonizadas por parricidas que nos lembran a Medea. Como non podía ser doutra maneira, os herdeiros do grupo Sardiña non defraudaron. Entusiasmounos o seu extraordinario respecto pola esencia da traxedia grega. E, especialmente, cativounos a interpretación de Medea, esa muller malvada, feiticeira e vengativa, que, ao non poder conseguir o amor do seu esposo Xasón, foi capaz de matar aos seus propios fillos.

Medea de Delacroix

Medea de Paul Cézanne

Aquí déixovos un vídeo no que podedes volver ver o agón, ou episodio no que se enfrontan Electra e a súa soberbia nai, Clitemnestra.

venres, 9 de marzo de 2012

Día Internacional da Muller no Leiras




O día 8 de Marzo foi o Día Internacional da Muller (anteriormente denominado Día Internacional da Muller Traballadora). No instituto levamos a cabo diferentes actividades nas aulas, e no recreo limos uns textos relacionados con este tema tan importante para nós coma comunidade educativa. Se ledes os textos, non hai moito que explicar. As súas palabras dino todo. Reproducímolos máis abaixo.
Mentres esperabamos ás lecturas, escoitamos esta canción de Mercedes Peón, "Derorán". A súa letra tamén e para pararse a escoitala.





Estes son os textos que limos:


AGORA MÁIS QUE NUNCA





TECÍN SOA A MIÑA TEA
(Poema de Rosalía de Castro)



xoves, 8 de marzo de 2012

Día Internacional da Muller




Obra de Julien Dupré

Hoxe 8 de marzo celebramos o Día Internacional da Muller valente e loitadora que ten que esforzarse máis que os homes para poder triunfar no ámbito político, laboral e social. Este ano está dedicado primordialmente a todas as mulleres da área rural que contribúen co seu traballo a reducir os niveis de pobreza e fame en moitas partes do mundo.

Desde aquí queremos reivindicar a mellora das condicións de vida das mulleres campesiñas e reclamar os mesmos dereitos e dignidade para homes e mulleres.
Aínda que os progresos feitos polas mulleres desde o século pasado foron enormes, persiste a discriminación de xénero: violencia machista, diferenzas salariais, dificultades para acceder ao mundo laboral e a postos de relevancia ...

Eduquemos na igualdade e conseguiremos un mundo máis xusto.

venres, 2 de marzo de 2012

O IES Leiras Pulpeiro pasa á final do Parlamento Xove



Estamos de noraboa. Os alumnos de Bacharelato Carlos Amo Cordero, David Mateo Fouz, Alba García Miguelez e Miguel Rodríguez Carretero, coordinados por Juncal Martínez Modia, profesora de Lingua e Literatura Galegas, acadaron un ben merecido 4º posto na fase inicial da 3ª edición do Parlamento xove.
O primeiro encontro celebrouse o 25 de febreiro no hemiciclo da Deputación da Coruña. Os participantes tiveron que investigar, escribir e argumentar as súas ideas na rede sobre o tema proposto pola organización: A xuventude no contexto mundial actual cara un modelo máis participativo ou individualista?
Os oito equipos finalistas reuniranse de novo o 17 de marzo no Parlamento de Galicia. Alí deberán demostrar a súa capacidade dialéctica nun debate que virará ao redor da seguinte pregunta: Actúa a xuventude na actualidade consonte aos seus valores en favor do coidado do medio ambiente?
Parabéns polo éxito acadado. O Equipo da Biblioteca deséxavos moitísima sorte na fase final e que gocedes desta experiencia inigualable.
Podedes seguir as novas sobre este tema nos sitios web do centro: a web oficial, o muro de Facebook, o de Google+ e o Twitter.