domingo, 3 de abril de 2011

Mulleres Nobel: unha visión non sexista da ciencia



A presenza da muller no mundo da ciencia foi moi escasa ao longo da historia. As mulleres tiveron que salvar múltiples obstáculos para que o seu labor fose recoñecido e se situase ao mesmo nivel que a dos seus compañeiros homes.

Unha boa proba disto son os Premios Nobel. Entre 1901 e 2009 só quince Premios Nobel de Ciencias foron outorgados a mulleres.

Podemos comprobalo na exposición que agora nos chega grazas a xenerosidade de Pilar Arias Crespo e Montserrat Nogueira Álvarez, profesoras do Departamento de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago.

Esta exposición, que tan amable e desinteresadamente nos ceden, formou parte da Semana da Ciencia en novembro de 2010, e permanecerá no corredor central do noso instituto do 1 ao 15 de abril.

A exposición "Mulleres Nobel: unha visión no sexista da Ciencia" consta de 15 paneis dedicados ás mulleres laureadas co prestixioso Premio nas áreas de Física e Química, Fisioloxía ou Medicamento. O obxectivo é dar a coñecer cunhas breves pinceladas a biografía de cada unha delas, o seu labor investigador e as repercusións que na vida cotiá tiveron e teñen os seus logros científicos.

Infinitas grazas ao equipo da biblioteca do IES Xohán Montes e, moi especialmente á miña amiga Teresa Vázquez Cadavide, por facilitarnos o contacto, e a Begoña do IES Fernado Esquío que desde Neda fixo o traslado da exposición. Sempre será un pracer colaborar convosco en calquera actividade conxunta que poida xurdir.








martes, 29 de marzo de 2011

Taller de grullas na biblioteca



No centro somos moitos os que lles pareceu boa idea colaborar co proxecto 1000 grullas que tenta enviar un pouquiño de esperanza ós afectados polo terremoto e tsunami de Xapón.

Para todos aqueles que queirades adicar algo do voso tempo de lecer a este proxecto, na biblioteca organizamos un Taller de grullas:

Se xa sabes facer as grullas, ven botar unha man ós que non saben, e se queres aprender, aqui somos moitos dispostos a axudarte.

Neste enlace tedes toda a información do proxecto

http://las1000grullas.wordpress.com/about/

domingo, 27 de marzo de 2011

Exposición "Mitos, contos e lendas"



Este mes estamos traballando desde diferentes materias (Historia, Lingua e Literatura castelá, Lingua e Literatura galega, Historia e Grego) con mitos, contos e lendas. Por iso, baleiramos algúns dos estantes da biblioteca para pór a disposición de toda a comunidade educativa os fondos que hai nela sobre este tema.
Como xa sabedes, podedes levar en préstamo calquera dos libros alí expostos.
Esperamos que esta selección sexa do voso agrado e que gocedes coa lectura.

luns, 21 de marzo de 2011

Lipdub do IES Fontem Albei da Fonsagrada



O Equipo de Dinamización da Biblioteca do IES Fontem Albei da Fonsagrada acaba de facer o seu primeiro lipdub. A dramatización da canción "The Final countdown" de Europe é a excusa para realizar unha actividade de formación de usuarios co obxectivo de formar aos lectores no manexo da CDU (Clasificación Decimal Universal), o sistema para clasificar os libros dunha biblioteca por materias. Este código asocia un número e un color a cada materia.








Sen dúbida, pasárono xenial. Pero tamén tiveron que traballar moito para conseguir este resultado. Noraboa compañeiros.

sábado, 19 de marzo de 2011

Festival de Teatro Grecolatino



Os días 14 e 15 de marzo participamos como espectadores na XI edición do Festival de Teatro Grecolatino organizado por SEECGalicia e patrocinado polo concello de Lugo.

Un ano máis, a experiencia foi moi positiva.

O alumnado de 1º e 2º de BAC asistiu no auditorio Gustavo Freire á representación de dúas traxedias gregas, "Edipo Rei" de Sófocles e "Medea" de Eurípides, e unha comedia latina, "Miles gloriosus" de Plauto. Os integrantes do club de lectura Lecturas Leirantes tamén puideron rir e gozar coa adaptación que o grupo Parrocha fixo da obra plautina.

Aquí deixámosvos fotos dalgunhas das esceas da divertida comedia.

martes, 15 de marzo de 2011

Premio para Nerea Capón






Nerea Capón de 4º de ESO, vén de recibir o 1º premio de narrativa do concurso "Entre iguais" convocado polo Concello de Lugo polo seu traballo MOZART.

PARABÉNS A NEREA POLO PREMIO E POLO MAGNÍFICO TRABALLO.





Moitísimas grazas por permitirnos publicar o relato.

martes, 15 de febreiro de 2011

Agustín Fernández Paz no día dos namorados

O 14 de febreiro, no recreo, un grupo de namorados/as de Agustín Fernández Paz rendemos a nosa particular homenaxe ao autor, lendo "Esa estraña lucidez", un dos dez relatos que compoñen o seu libro O único que queda é o amor.

Unha conmovedora historia de amor máis aló da morte cun can como protagonista.

Déixovos aquí algunhas fotos que se tomaron durante a lectura.


xoves, 10 de febreiro de 2011

Exposición e vídeo de Agustín Fernández Paz



O Centro de Documentación de Escritores Galegos pon a nosa disposición varios vídeos nos que Agustín Fernández Paz fala sobre as súas inquedanzas literarias. Se queres velo, preme aquí.

Tamén podes achegarte ata a biblioteca para ver a exposición que alí temos sobre o autor.

Unha biografía

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ (Vilalba) sempre di que unha das cousas que máis lle gusta neste mundo é que lle conten historias: de viva voz, nas páxinas dun libro ou dun cómic, na escuridade dun cine ou no brillo frío de calquera pantalla. E cando se lle pregunta onde están as raíces deste seu amor polos mundos de ficción, a resposta que dá é que todas elas veñen dos anos da súa infancia: dos relatos de medo que escoitaba a carón do lume, nun tempo no que aínda non chegara a televisión; dos libros de aventuras que había na pequena biblioteca de seu pai, se é que se lle pode chamar biblioteca a dos estantes ateigados de libros, onde Jules Verne convivía con Edgar Allan Poe ou Wenceslao Fernández Flórez, dos seriais que escoitaba pola radio, como Superman ou Unha princesa de Marte; dos moitos cómics que lía, onde descubriu a súa fascinación polos heroes de papel; das innesquecibles películas de cine que tanto o atraían, e ás que, anos despois, homenaxearía en Amor dos quince anos, Marilyn, un libro escrito no centenario do nacemento do cine... Nos anos grises da posguerra, aqueles mundos feitos con imaxes e palabras axudaban a vivir e facían medrar o territorio sen límites da imaxinación.

Así naceu a súa afección polo cine e polos libros, que xa nunca o abandonou. Pero Fernández Paz sabe ben que todas as persoas ás que lles gusta ler acaban sentindo tamén o desexo de escribir, porque a lectura e a escritura son inseparables como as dúas cars dunha mesma moeda. Quizais por iso tamén el crea historias e vidas no papel, empregando as palabras como únicos materiais. Mensaxes na botella, como lle gusta dicir dos seus libros, que bota ao mar desexando que alguén os recolla e lea o seu contido.

Entre os numerosos títulos que escribiu ata agora, atopamos unha variedade temática: dende narracións de medo (Cartas de inverno, Aire negro) ata novelas de anticipación (O centro do labirinto), pasando por outros que recollen historias realistas (Trece anos de Branca, Rapazas). Unha característica presente nunha boa parte dos seus libros é a irrupción dalgún elemento fantástico no mundo real (Cos pés no aire, As flores radiactivas, Amor dos quince anos, Marilyn, Avenida do Parque, 17, As fadas verdes), moitas veces adobada cunha abondosa carga de ironía e humor (O laboratorio do doutor Nogueira, Contos por palabras)... Polo seu libro O único que queda é o amor recibiu o Premio Nacional de Narrativa no 2008.

A Agustín Fernández Paz gústalle dicir, usando as palabras do noruegués Jostein Gaarder, que el está empeñado nunha loita explícita por conseguir un status digno para a literatura infantil e xuvenil. Aínda que os seus libros aparecen en colccións dirixidas á mocidade, o certo é que escribe as súas historias coa intención de que tamén lles interesen ás persoas adultas. Quizais por iso ten sempre presentes, a xeito de guía, as palabras que Don Álvaro Cunqueiro escribiu en 1963: "O propio dun escritor é contar claro, seguido e ben. contar a totalidade humana, que el pola súa parte ten a obriga de alimentar con novas miradas, E se hai algo que estea claro nesta dieta é que o home precisa en primeiro lugar, coma quen bebe auga, beber soños".

A súa obra, merecente de abundantes premios e recoñecementos (Merlín, Lazarillo, Edebé Juvenil, Rañolas, Raíña Lupa,Protagonista Jove, Lista de Honra do IBBY, etc.), e amplamente traducida a diversas linguas, constitúe un referente incuestionable da literatura infantil-xuvenil galega.