Esperamos que entre todos, algún día, logremos transformar este mundo. Podemos comezar por seguir o exemplo deste home.
domingo, 6 de febreiro de 2011
Podemos conseguir un mundo mellor
Esperamos que entre todos, algún día, logremos transformar este mundo. Podemos comezar por seguir o exemplo deste home.
mércores, 2 de febreiro de 2011
Día da Paz no Leiras Pulpeiro
O día 30 de xaneiro celebrábase o Día Escolar da Non Violencia e da Paz (DENIP): ese día fai 63 anos que morreu Mahatma Ghandi. "Mahatma" significa "gran alma", e iso precisamente é o que tiña Ghandi, un corazón no que cabemos todos. Levou ao seu pobo á victoria rexeitando a violencia e a loita armada, instaurando métodos de loita social pacíficos pero non menos efectivos.
No instituto celebramos este día o 31 de xaneiro, dado que o 30 foi domingo. Os alumnos do centro deron lectura aos Haikus que tiñan preparado ao longo dos días previos. Eses haikus, coa súa sinxeleza, abren unha xanela a través da que se pode ollar un mundo de paz, unha sociedade sen violencia, uns desexos dun futuro mellor para eles mesmos.
(Preme no libro para poder lelo a un tamaño máis cómodo e poder escoitar a preciosa música que os acompaña)
2011 Ano dos Bosques

Por iso, o lema elixido para a campaña é "Os bosques, para as persoas", co obxectivo de resaltar o papel fundamental dos seres humanos na protección dos bosques, fogar de 300 millóns de persoas no mundo, especialmente pobos indíxenas que están tamén ameazados.

xoves, 27 de xaneiro de 2011
Visita á exposición Luís Seoane

“Cremos que o que uniformiza diminúe ao ser humano, que as diferenzas culturais enriquecen a humanidade. Nós queremos axudar a enriquecer ao mundo coa nosa diferenza.”
Luís Seoane.
Tras desta frase atopamos unha das figuras máis emblemáticas da arte contemporánea galega.
Un home co corazón dividido entre dúas terras. Un home quen de arriscar todo por un ideal.
Un ilustrado, un filántropo.
Fillo de emigrantes galegos, naceu en Bos Aires (Arxentina). Voltou a Galicia cando aínda era un neno. Cursou os seus estudos na Coruña, para posteriormente graduarse en dereito pola universidade de Santiago de Compostela. Foi alí onde comezou a súa actividade política e cultural, e onde pintou o seu primeiro cadro.
Debuxante, poeta, pintor e escritor; destacou en practicamente tódolos ámbitos artísticos pola súa transgresión e visión vangardista. Promoveu numerosas empresas culturais co fin de revivir a antiga nación de Breogán, que até aquel entón permanecera durmida baixo as garras da represión.
Hoxe, trinta e dous anos despois da súa morte, Luís Seoane segue a ser unha excelencia histórica; latente na cultura e no corazón dunha antiga terra asoballada quen grazas á súa contribución e á de moitos outros, foi capaz de rexurdir das súas cinzas coma unha ave fénix.
Con motivo do aniversario da centuria do seu nacemento, dedícaselle unha exposición: “Luís Seoane, cen por cen: 100 anos > 100 lugares”, que percorrerá as principais cidades galegas. Concebida como unha biografía gráfica, esta mostra conta con numerosas pezas donadas pola propia esposa do artista. Unha colección única, dividida en cen pasos; cen pasos destinados a propagar a vida do pintor ó longo de toda a nación.
A súa obra abarca múltiples facetas, representadas nesta biografía visual polas súas creacións máis significativas. Os seus cadros, nos que destacan as colores planas e os trazos grosos, nunha orixinal recreación das vidreiras das igrexas. Debuxos cargados de personalidade e sentimento patriota. Exquisitas pezas de cerámica, que xunto coa colaboración de Isaac Díaz Pardo, estarían destinadas ó rexurdimento de Sargadelos.
Unha exposición única aínda asentada na cidade d'A Coruña, que testemuña como o mito se converte en realidade: existe vida despois da morte.
Ao menos, no caso de Seoane, el segue vivo. Máis vivo que nunca.
Nerea Esmoris. 2º BAC
Afondamos na historia. Visita á casa de Casares Quiroga


Unha morna mañá de inverno, espertando aínda a cidade das luces e cunhas paisaxes arquitectónicas fabulosas chegamos a A Coruña Ó poñer os pés no asfalto contemplamos o monumento ó gran Curros Enríquez, o noso gran bardo, obra do escultor Asorey.
Na Rúa Real, ateigada de comercios e cafeterías, aínda sen moita xente, atopamos, para sorpresa nosa, o escritor Manuel Rivas a quen lemos e admiramos moito. Tentamos falar con el, pero tiña présa, así que tivemos que conformarnos só con observalo e despedirnos. De todos os xeitos un saúdo ó pluriempregado traballador pola lingua e cultura galega. Continuamos por varias rúas da cidade ata chegar á Rúa Panaderas, onde se atopa a casa dun persoeiro da intelectualidade e política da época: Santiago Casares Quiroga (A Coruña, 1884- París, 1950). Foi un político galeguista e avogado. Chegou a ser presidente do goberno da II República. No 1931 formou parte do primeiro gabinete republicano e converteuse en ministro da gobernación. Foi o máximo líder galego, elixido deputado a Cortes pola Coruña e encargouse de fusionar a Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) coa Esquerda Republicana de Manuel Azaña. Tamén destaca o seu labor na elaboración do Estatuto de Autonomía, referendado por maioría popular en 1936.
Ó entrar na casa comeza a ulir a historia, a galeguismo e entendes por que ten sentido ter esta identidade cultural. A casa, dividida en tres pisos, é unha constante ascensión cultural e histórica, a presentación dun personaxe clave na República, e con gran influencia nos pensadores de onte, pero tamén de hoxe.
A entrada está reservada para exposicións de diversos artistas de hoxe, o cal demostra que este espazo foi e quere ser un centro de difusión cultural. Quen sabe, quizais algunha persoa relacionada co noso instituto chegue a expoñer alí algún día. Animádevos os pintores, fotógrafos...
A primeira planta está dedicada ó Dr. Casares Quiroga, á historia da II República e os seus responsables, ós seus logros e todo o que conseguiron. O gran Azaña, os mártires Galán e Hernández, Casares e outros. Como anécdota hai un retrato de Ramón Franco, que desgraciadamente non puido facer bo do seu irmán Francisco. Representacións gráficas da II República acompañadas dunhas fermosas cores vermella, amarela e violeta. Moito temos que aprender.
No piso superior atópase a biblioteca, inmensa, que sen libros, segue a desprender sabedoría e coñecementos. A continuación, o baño no que se pode oír o asubío de Casares, tal e como acostumaba facer cando se barbeaba, e un cuarto dedicado á súa primoxénita, Esther Casares.
A derradeira planta, construíuse tralo nacemento da que sería a célebre actriz María Casares, e está dedicada á súa figura. Esta muller viviu en París moitos anos, onde estaba exiliado seu pai.
Despois da Guerra Civil, Casares ten que marchar a Francia, onde morrerá en 1950. A súa casa foi espoliada por falanxistas, que pobres deles, non souberon ou non quixeron preservar toda a cultura que estaban a estragar.
A visita final da casa lévanos ó seu xardín, onde se atopa unha figura a tamaño real de Casares, sentado nun banco, como tantas veces estivo, pensando sobre a súa muller Gloria, as súas fillas, sobre todo o que defendía e sobre o que acontecía na súa vida.
Hoxe, mirando a túa figura só direi: “grazas por todo o que fixeches e todo o que nos legaches. Grazas”.
David G. Boyero. 2º BAC
mércores, 26 de xaneiro de 2011
Libro recomendado Febreiro
Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa de Casamence, unha rexión ao sur do Senegal, para instalarse en Vigo, a cidade onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. O único lazo entre a nova realidade e o mundo que deixou atrás é a Lúa que brilla no ceo polas noites, que serve, ademais, para marcar o paso do tempo.
Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade.
Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da protagonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes.
domingo, 23 de xaneiro de 2011
El viaje de María

domingo, 16 de xaneiro de 2011
Las mujeres sabihondas
O pasado 14 de xaneiro os alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO asistiron á representación de "Lles femmes savantes" no Colexio San José. Trátase dunha adaptación da obra de Molière en lingua francesa con algunhas secuencias en español para facilitar a comprensión. Está especialmente dirixida a alumnado da ESO. Eina d´escola, empresa organizadora destas actividades, facilita unha guía didáctica para poder preparar a obra na aula con antelación.luns, 10 de xaneiro de 2011
Grandes escritores premiados no 2010
Aquí tedes unha terna de grandes escritores. Todos eles teñen algo en común: foron galardonados cun importante premio no ano 2010. Non descubrimos nada, soamente os poñemos xuntos aquí, no mesmo andel, e vos recomendamos algunhas das súas mellores obras:
venres, 7 de xaneiro de 2011
"Donde nadie te encuentre", Premio Nadal 2011
A famosa creadora da saga da detective Petra Delicado foi obsequiada a noite de Reis co pretixioso Premio Nadal pola súa novela Donde nadie te encuentre.Aínda que a novela está inspirada nesta personaxe real que inciou a súa vida como muller e acabouna como home -Florencio-, non é unha novela histórica senón unha novela de aventuras.








