domingo, 3 de outubro de 2021

María Ángeles Alvariño González naceu o 3 de outubro de 1916 nun pequeno pobo costeiro de Galicia

 

 María Ángeles Alvariño González

 naceu o 3 de outubro de 1916

  Oceanógrafa galega experta en  zooplancton que descubriu 22 novas especies para a ciencia





 O 3 de outubro de 1916 naceu en  Serrantes (Ferrol), un pequeno pobo costeiro de Galicia, María Ángeles Alvariño González. Con só tres anos lía e estudaba música.

 Encantábanlle os libros de historia natural e en 1933 terminou o Bacharelato Universitario en Ciencias e Letras.


Foise a Madrid para estudar Ciencias Naturais en 1934 pero, por mor da Guerra Civil, pecháronse as aulas e volveu a Galicia. Aproveitou este tempo para aprender francés e inglés, o que lle resultaría fundamental para a súa futura carreira no estranxeiro. Ángeles puido continuar os seus estudos tras a guerra e licenciouse en 1941

Despois dalgúns anos como profesora de instituto foise a Madrid xunto ao seu marido, que era militar e fora destinado no Instituto Español de Oceanografía (IEO), onde ela incorporouse como bolseira aos 34 anos. Dous anos despois conseguiu unha praza de bióloga no Centro Oceanográfico de Vigo do IEO e empezou a estudar o  zooplancton.

En 1953 recibiu unha bolsa para seguir estudando estes pequenos organismos en Reino Unido, onde se converteu na primeira muller científica en traballar a bordo dun barco británico de investigación. Tres anos máis tarde recibiu outra axuda, esta vez para continuar as súas investigacións en EE. UU. baixo a tutela doutra pioneira da que xa falamos:  Mary  Sears. Ela foi quen, impresionada coa súa obra, recomendouna para ocupar un posto no Instituto  Scripps de Oceanografía, en  California, onde permaneceu ata 1970 analizando miles de mostras de plancto de todo o mundo.

Continuou a súa carreira noutra prestixiosa institución americana, a  NOAA, onde estudaría as larvas de peixes no plancto. Tras a súa xubilación, en 1987, continuou traballando como científica emérita e escribindo e dando a coñecer a historia das ciencias mariñas en España.

Grazas ao seu  meticuloso traballo, Ángeles describiu 22 novas especies  planctónicas para a ciencia

. En 2005 faleceu e desde 2012 un dos buques oceanográficos máis avanzados da frota española leva o seu nome.

 


 

Ningún comentario:

Publicar un comentario