“Cremos que o que uniformiza diminúe ao ser humano, que as diferenzas culturais enriquecen a humanidade. Nós queremos axudar a enriquecer ao mundo coa nosa diferenza.”
Luís Seoane.
Tras desta frase atopamos unha das figuras máis emblemáticas da arte contemporánea galega.
Un home co corazón dividido entre dúas terras. Un home quen de arriscar todo por un ideal.
Un ilustrado, un filántropo.
Fillo de emigrantes galegos, naceu en Bos Aires (Arxentina). Voltou a Galicia cando aínda era un neno. Cursou os seus estudos na Coruña, para posteriormente graduarse en dereito pola universidade de Santiago de Compostela. Foi alí onde comezou a súa actividade política e cultural, e onde pintou o seu primeiro cadro.
Debuxante, poeta, pintor e escritor; destacou en practicamente tódolos ámbitos artísticos pola súa transgresión e visión vangardista. Promoveu numerosas empresas culturais co fin de revivir a antiga nación de Breogán, que até aquel entón permanecera durmida baixo as garras da represión.
Hoxe, trinta e dous anos despois da súa morte, Luís Seoane segue a ser unha excelencia histórica; latente na cultura e no corazón dunha antiga terra asoballada quen grazas á súa contribución e á de moitos outros, foi capaz de rexurdir das súas cinzas coma unha ave fénix.
Con motivo do aniversario da centuria do seu nacemento, dedícaselle unha exposición: “Luís Seoane, cen por cen: 100 anos > 100 lugares”, que percorrerá as principais cidades galegas. Concebida como unha biografía gráfica, esta mostra conta con numerosas pezas donadas pola propia esposa do artista. Unha colección única, dividida en cen pasos; cen pasos destinados a propagar a vida do pintor ó longo de toda a nación.
A súa obra abarca múltiples facetas, representadas nesta biografía visual polas súas creacións máis significativas. Os seus cadros, nos que destacan as colores planas e os trazos grosos, nunha orixinal recreación das vidreiras das igrexas. Debuxos cargados de personalidade e sentimento patriota. Exquisitas pezas de cerámica, que xunto coa colaboración de Isaac Díaz Pardo, estarían destinadas ó rexurdimento de Sargadelos.
Unha exposición única aínda asentada na cidade d'A Coruña, que testemuña como o mito se converte en realidade: existe vida despois da morte.
Ao menos, no caso de Seoane, el segue vivo. Máis vivo que nunca.
Nerea Esmoris. 2º BAC
Ningún comentario:
Publicar un comentario