Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa de Casamence, unha rexión ao sur do Senegal, para instalarse en Vigo, a cidade onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. O único lazo entre a nova realidade e o mundo que deixou atrás é a Lúa que brilla no ceo polas noites, que serve, ademais, para marcar o paso do tempo.
Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade.
Lúa do Senegal foi ilustrado por Marina Seoane quen conseguiu adentrarse na alma da protagonista, poñerlle rostro ao resto dos protagonistas e reflectir as paisaxes de dous mundos tan diferentes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario