xoves, 27 de xaneiro de 2011
Afondamos na historia. Visita á casa de Casares Quiroga
Unha morna mañá de inverno, espertando aínda a cidade das luces e cunhas paisaxes arquitectónicas fabulosas chegamos a A Coruña Ó poñer os pés no asfalto contemplamos o monumento ó gran Curros Enríquez, o noso gran bardo, obra do escultor Asorey.
Na Rúa Real, ateigada de comercios e cafeterías, aínda sen moita xente, atopamos, para sorpresa nosa, o escritor Manuel Rivas a quen lemos e admiramos moito. Tentamos falar con el, pero tiña présa, así que tivemos que conformarnos só con observalo e despedirnos. De todos os xeitos un saúdo ó pluriempregado traballador pola lingua e cultura galega. Continuamos por varias rúas da cidade ata chegar á Rúa Panaderas, onde se atopa a casa dun persoeiro da intelectualidade e política da época: Santiago Casares Quiroga (A Coruña, 1884- París, 1950). Foi un político galeguista e avogado. Chegou a ser presidente do goberno da II República. No 1931 formou parte do primeiro gabinete republicano e converteuse en ministro da gobernación. Foi o máximo líder galego, elixido deputado a Cortes pola Coruña e encargouse de fusionar a Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA) coa Esquerda Republicana de Manuel Azaña. Tamén destaca o seu labor na elaboración do Estatuto de Autonomía, referendado por maioría popular en 1936.
Ó entrar na casa comeza a ulir a historia, a galeguismo e entendes por que ten sentido ter esta identidade cultural. A casa, dividida en tres pisos, é unha constante ascensión cultural e histórica, a presentación dun personaxe clave na República, e con gran influencia nos pensadores de onte, pero tamén de hoxe.
A entrada está reservada para exposicións de diversos artistas de hoxe, o cal demostra que este espazo foi e quere ser un centro de difusión cultural. Quen sabe, quizais algunha persoa relacionada co noso instituto chegue a expoñer alí algún día. Animádevos os pintores, fotógrafos...
A primeira planta está dedicada ó Dr. Casares Quiroga, á historia da II República e os seus responsables, ós seus logros e todo o que conseguiron. O gran Azaña, os mártires Galán e Hernández, Casares e outros. Como anécdota hai un retrato de Ramón Franco, que desgraciadamente non puido facer bo do seu irmán Francisco. Representacións gráficas da II República acompañadas dunhas fermosas cores vermella, amarela e violeta. Moito temos que aprender.
No piso superior atópase a biblioteca, inmensa, que sen libros, segue a desprender sabedoría e coñecementos. A continuación, o baño no que se pode oír o asubío de Casares, tal e como acostumaba facer cando se barbeaba, e un cuarto dedicado á súa primoxénita, Esther Casares.
A derradeira planta, construíuse tralo nacemento da que sería a célebre actriz María Casares, e está dedicada á súa figura. Esta muller viviu en París moitos anos, onde estaba exiliado seu pai.
Despois da Guerra Civil, Casares ten que marchar a Francia, onde morrerá en 1950. A súa casa foi espoliada por falanxistas, que pobres deles, non souberon ou non quixeron preservar toda a cultura que estaban a estragar.
A visita final da casa lévanos ó seu xardín, onde se atopa unha figura a tamaño real de Casares, sentado nun banco, como tantas veces estivo, pensando sobre a súa muller Gloria, as súas fillas, sobre todo o que defendía e sobre o que acontecía na súa vida.
Hoxe, mirando a túa figura só direi: “grazas por todo o que fixeches e todo o que nos legaches. Grazas”.
David G. Boyero. 2º BAC
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario