venres, 8 de xullo de 2011

PECHAMOS POR VACACIÓNS




Sí, pechamos por vacacións. E as temos ben merecidiñas.
Este primeiro ano como membros do PLAMBE foi moi positivo. A nosa biblioteca luce cun aspecto renovado e as actividades que en torno a ela realizamos deixáronnos exhaustas. Necesitamos descansar e recuperar algunha das ilusións que perdemos polo camiño.

Con todo, ímonos contentas e coa sensación do deber cumprido: moitas horas de dedicación, máis alá das remuneradas e das que constan no noso horario, noites de insomnio pensando en signaturas, CDUs e actividades de dinamización, peleas coas ferramentas Web 2.0 que non controlamos, asistencia a cursos de formación, búsqueda de apoios, rexistrar, catalogar e colocar e recolocar libros nos andeis en medio dun anaquiño de soidade, horas de lecer que non puidemos compartir cos nosos compañeiros e horas que roubamos ás nosas familias ..., en definitiva, moito, moitísimo traballo, que non sempre é recoñecido públicamente nin suficientemente valorado.


Pero como a mellor terapia é rirse dun mesmo, aquí vos deixo unha curtametraxe que sí me fixo rir. Os nosos compañeiros do IES Fonte Albei de Fonsagrada recibiron un premio ben merecido por este traballo no Festival audiovisual galego OLLOBOI. Con ironía, humor e moita retranca ofrécennos unha particular visión sobre a figura do encargado da biblioteca. Invítovos a que a vexades. Sen ánimo de dramatizar, asegúrovos que neste curso que agora acabou sentínme en varias ocasións como o Biblioman da curta.


Deséxovos descanso e boas lecturas.


Rosa