luns, 22 de novembro de 2010

Un salvaxe entre lobos


O próximo 26 de novembro estrearase Entre lobos do director Gerardo Olivares. A película está baseada na historia real de Marcos, un neno que, na época da posguerra, foi vendido polo seu pai a un gandeiro para coidar cabras e ovellas na serranía de Córdoba. Tras a morte do pastor, Marcos aprenderá a sobrevivir no monte sen ter contacto con ningún ser humano e converterá a unha manada de lobos na súa única familia. Aos vinte anos é descuberto pola Garda Civil e conducido a un convento para ser reeducado. Actualmente Marcos ten sesenta e catro anos e vive nunha aldea de Ourense.

Probablemente tamén o autor catalán Antonio García Llorca inspirouse neste personaxe para escribir O salvaxe. García Llorca narra a historia de Bernabé vendido polo seu pai a un pastor chamado Polifemo. Bernabé vivirá durante doce anos illado da civilización sen máis compañía que a dos animais. Pero o seu auténtico calvario comezará cando intenten reintegralo a unha sociedade á que nin pertence nin comprende.


Un libro cheo de tenrura a pesar da crueza da historia e que nos evoca pasaxes da Odisea de Homero. O salvaxe, galardoado co Premio Angular 2009, impactarache e non che deixará indiferente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario