Os pasados 7 e 8 de abril tiven o privilexio de asistir aos Encontros de Plan de Mellora de Bibliotecas escolares organizados pola Asesoría de Bibliotecas escolares.O primeiro día tan só fomos convocados os 79 responsables da dinamización das bibliotecas recentemente incorporadas ao PLAMBE no curso 2010-2011. O último día citáronnos aos 374 centros que xa formamos parte de este gran grupo.
Parabéns ás asesoras, Pilar Sampedro e Cristina Novoa, que, coma sempre, demostraron o seu saber facer e actuaron en todo momento como auténticas e perfectas mestras de cerimonias. Moitísimas grazas por brindarnos a ocasión de coñecer a compañeiros doutros centros e poder compartir con eles inquietudes, actividades e proxectos relacionados con este mundo tan absorbente e engaiolante das bibliotecas.
O programa foi realmente intensivo e resúltame moi difícil transmitirvos todo o que alí aprendín. Se queredes podedes entrar como convidados neste enlace e consultar todos os materiais que tan xenerosamente expertos e compañeiros doutros centros poñen á nosa disposición e que nos axudarán, sen dúbida, a mellorar.
O broche final correu a cargo de Xosé Neira Vilas. A elección deste gran escritor para clausurar estes encontros non podía ser máis acertada, tendo en conta que este ano se celebra, como sabedes, o 50º aniversario da publicación da súa obra máis emblemática, Memorias dun neno labrego.Déixovos aquí algunha das perlas que puidemos escoitar da boca do entrañable Neira Vilas e que fielmente recollen no blog As zocas faladoras os nosos compañeiros do IES de Poio.
Lembranzas da súa infancia en Galicia
"Eu tiña que andar oito quilómetrosida e oito quilómetros de volta para ir á escola tres días á semana, e non por un camiño asfaltado, polo medio do monte, con pedras e cheo de lama"..."Os xoguetes faciámolos nós polo que non os rompíamos e ade´mais aprendíamos a usau as ferrametas" ...
"Eu pedía libros a Barcelona para poder ler e escondíaos debaixo das tellas"
"Aos 16 anos traballaba nun aserradeiro"
Lembranzas da súa etapa como emigrante en Arxentina
"Quería estudar e estudei xornalismo" ...
"Lía moitos libros que logo lle daba a dúas escolas"..."Anisia e eu fundamos unha distribuidora do libro galego, Follas Novas, co fin de difundir o libro galego en toda América; co 30% que lle gañabamos aos libros, invertiámolo en libros galegos que ían ás bibliotecas"...
Lembranzas dos anos que viviu coa súa dona Anisia en Cuba
" En Cuba había daquela 6, 4 libros por habitante"...
"Alí os mestres teñen moito prestixio social..., non hai suspensos; o suspenso é un problema de honor para o mestre e todos colaboran para que non se suspenda"...
Comentarios do seu libro Memorias dun neno labrego
"Memorias está considerado o primeiro libro da literatura infantil e xuvenil pero non foi escrito para nenos"...
"Eu dixen: "hai que contar isto, o drama dos campesiños". Os libros que daquela había sobre campesiños daban unha visión chocalleira dos mesmos"...
" Eu tiña trinta anos. Escribía nun caderno as historias de Balbino, igual que Balbino. Escribía nun café e o primeiro lector de Memorias foi o camareiro daquel café; o segundo foi Anisia e o terceiro Rafael Dieste"...
"Hoxe en día está publicado en múltiples idiomas e hai tamén unha edición en Braille para cegos publicada pola ONCE de A Coruña"...
E para rematar dúas frases que demostran a súa sinxeleza e o seu gran sentido do humor
"Eu sempre andei entre libros; acariñaba os libros como un avaro acariñaba as moedas"...
"Agora recibo homenaxes e discursos. Este tipo de discursos faise cando o autor está morto e eu pido disculpas porque estou vivo"...
E se queredes, tamén podedes deleitarvos cunha ampla reportaxe fotográfica que nos facilita O Segrel do Penedo do IES de Fene.
Ningún comentario:
Publicar un comentario