martes, 7 de febreiro de 2012

Bicentenario do nacemento de Dickens






Hoxe cúmprense 200 anos do nacemento de Charles Dickens, un dos máis soados novelistas da literatura inglesa. As súas novelas, que se publicaban por entregas nos medios gráficos, inspiraron moitas adaptacións cinematográficas e televisivas.
As emocionantes historias que escribiu retratan de forma inigualable a sociedade da Inglaterra victoriana. Como bo abanderado do realismo, critica, con humor e ironía, a desigualdade entre ricos e pobres, as lamentables condicións de vida dos asalariados, a lentitude, ineficacia e arbitrariedade do sistema xudicial, a explotación infantil, o abandono, a pobreza, e outras miserias do ser humano. Algúns consideran que esta batalla contra a inxustiza e esta profunda sensibilidade social que impregna toda a súa obra, fixéronlle caer nun sentimentalismo excesivo.
Pero se por algo destacou Charles Dickens é pola aguda descrición de lugares e xentes: debuxou como ninguén o Londres do s. XIX e creou personaxes tan memorables como Oliver Twist.



Se queres coñecer algo máis sobre Dickens e, ao mesmo tempo practicar o teu inglés, pica aquí: atoparás un vídeo coa súa biografía e un xogo que che trasladará ao Londres victoriano. Tamén che recomendo dar un pequeno paseo virtual polo seu museo, visitar a súa páxina oficial e ler a información que che deixo nesta ligazón. E se o que desexas é saber o que opinaban de Dickens outros grandes da literatura universal como Dostoievsky ou Verne, aquí tes un vídeo que tamén inclúe imaxes dalgunhas películas inspiradas nas súas obras.





1 comentario:

  1. Excelente entrada. É certo que Dickens era moito máis ca un bo escritor. Levo un rato navegando polos enlaces que hai nela, e de seguro que non será a última vez, dado o interesantes e atractivos que me resultan. Noraboa e moitas grazas.

    ResponderEliminar