O pasado día 30 de xaneiro reunímonos no corredor principal do centro o alumnado, o profesorado e o persoal non docente para celebrar o Día Escolar da Non Violencia e da Paz.
Este ano quixemos dedicalo ao noso benquerido compañeiro Manolo Blanco, que nos deixou o ano pasado. Manolo era un enorme traballador. Era coma un incansable motor que nunca deixaba de empurrar aos demais, que non paraba de iniciar novos proxectos, sempre comprometido coa educación dos seus alumnos e alumnas, cunha educación diferente.
El cría sen paliativos nunha cultura de paz, nunha sociedade na que os inevitables problemas que xorden da convivencia se resolveran pacificamente.
O luns foi o seu día, o día de Manolo, e quixemos lembrarlle (aínda que el sabe que en realidade o lembramos cada día). Descubrimos unha praca conmemorativa coa frase que estaba permanentemente presente nas súas mensaxes de correo. Pero antes limos uns textos. Uns textos sobre Manolo e sobre a Paz: unha parella indisoluble. Con eles quixemos dicirche, Manolo, que te botamos en falta. Pero tes que saber, querido compañeiro, que aínda que xa non esteas aquí, ao noso carón, nós seguiremos o camiño da Paz, ese camiño polo que tantas veces andaches ti diante de nós.
Moitas grazas por estar aí, moitas grazas por todos estes anos. Sempre estarás connosco.
O seguinte texto, unha sentida lembranza, foi publicada na revista "Lerias do Leiras", publicada polo EDLG do noso centro:
Con estas verbas abrimos durante anos os correos que o compañeiro Manolo nos envíaba informándonos da reunión do grupo de traballo (PAMCE), das reunións de titoría, do grupo de Comunicación non violenta (CNV), dos cursos para formación de mediadores ou dos encontros de educación pola paz.
Foron once anos nos que compartinos inquedanzas renovadoras e nas que Manolo nos invitaba a participar co seu ánimo sosegado e xeneroso e na que sempre asumía a parte que ninguén estaba disposto a desenvolver: a organización, dinamización e coordinación dunha morea de actividades que se foron desenvolvendo nestes anos.
No curso 1999-2000 chegamos ao IES Leiras a maioría do profesorado que hoxe formamos o claustro e dende ese momento e inintirrumpidamente desenvolvéronse grupos de traballo que tiveron relación coa mellora da convivencia: Integración das normas dende a titoría, a mellora da competencia lectora, a aprendizaxe cooperativa, competencias...
Manuel Blanco cría no papel da educación para mellorar as persoas e a sociedade, por iso o noso recordo estará sempre vencellado o seu labor dinamizador de experiencias para mellorar a práctica educativa, a súa metodoloxía, a actualización ós tempos que corren. Mais todo isto non o vivía coma unha abstracción, o seu traballo nos últimos anos centrouse na creación de dinámicas positivas de relacións entre as persoas, na mediación nos conflitos coa creación de grupos de alumnado mediador e na creación dunha rede de alumnos-as RAS (rede de alumnos solidarios). En definitiva foi o seu traballo a prol da renovación pedagóxica e da cultura da PAZ.
Manolo foi tamén un “bo e xeneroso” comprometido coa realidade galega e a defensa da nosa lingua. Recordamos a súa voz profunda e tranquila nos recitais poéticos que se celebraron en conmemoración das Letras Galegas. Este ano, coma outros Manolo ía recitar o poema de Lois Pereiro “ Amarte, vida, amarte case sempre”
A vida, sen o compañeiro Manolo, segue...
Con nós segue a súa xenerosidade, o seu traballo, a súa Paz.
Os compañeiros e compañeiras do IES Leiras Pulpeiro que nos sentimos unidos polos mesmos valores.