LETRAS GALEGAS
A Real Academia Galega dedica o 2025 o Día das Letras Galegas ao cancioneiro popular galego. Nesta candidatura están incluídas as cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar. "A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras", salienta a proposta aprobada.
Coa nosa exposición adicada ás cantareiras mostramos os fondos da nosa biblioteca sobre esta temática e tamén a información sobre estas mulleres que levaron a cabo unha importante labor na transmisión da cultura galega.


