miércoles, 2 de octubre de 2019

Biblioteca Escolar: viveiro de cidadanía

Lema  2019/2020: "Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía"


A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, seguindo a súa dinámica de difusión das posibilidades que ofrece a biblioteca escolar ao conxunto da comunidade educativa, dá a coñecer o lema que propón ás bibliotecas escolares galegas para o presente curso 2019/2020:  
"Biblioteca escolar, viveiro de cidadanía"

Nesta ocasión é o ilustrador Óscar Villán quen interpreta o lema e nos ofrece unha imaxe múltiple e evocadora de diversas situacións que unha biblioteca escolar pode facilitar: o diálogo, a lectura crítica, a reflexión, o acceso ao coñecemento, o pensamento, a investigación, a experimentación, a creación, a comunicación, a adquisición de competencias útiles para a vida e para a convivencia, para o desenvolvemento académico e persoal, para unha participación activa nunha sociedade máis xusta e igualitaria. 

Cómpre sementar, crear ese hábitat axeitado para que os mozos e mozas vaian desenvolvendo a estima por si mesmos e polos recursos naturais e culturais á súa disposición, aprendan a convivir cos outros, adquiran paulatinamente os valores democráticos, o respecto polos Dereitos Humanos e a Cultura de Paz imprescindible para unha convivencia xusta, pacífica e enriquecedora para todos e todas.  

A biblioteca escolar pode chegar a ser ese "viveiro de cidadanía" no que medren en confianza as xeracións novas e poidamos forxar esperanza fronte aos retos que o mundo actual nos presenta.

No hay comentarios:

Publicar un comentario