martes, 12 de abril de 2016

MANUEL RIVAS visita o Leiras Pulpeiro

  
 
O pasado 7 de abril, tivemos a honra de contar coa visita de MANUEL RIVAS


Este narrador, poeta, ensaísta, xornalista, ecoloxista, libertario, galeguista... agasallounos coa súa presenza e as súas palabras.
 Falou para o alumnado de BAC (e algúns outros cursos) nunha inesquecible charla sobre a vida e a morte, a historia e a guerra, o amor e a natureza, a ética e a literatura, o compromiso e a lingua, entre outros moitos temas de interese, nos que ía expoñendo as súas propias vivencias e sentimentos.


Respondeu ás preguntas do alumnado que con tanto interese o escoitara. E, finalmente, cunha infinita paciencia, asinou e dedicou, cun debuxo personalizado, un a un, todos os libros dos alumnos e profesores que lle levamos algún exemplar das súas obras.
 

 

Moitas grazas, Manuel.
 Foi un pracer.

Podedes ver a reportaxe fotográfica completa do evento neste enlace da Web do IES Leiras Pulpeiro.
Pero tamén tedes a continuación un resumo da mesma:


9 comentarios:

  1. Persoalmente non riña ningunha idea preconcibida do que nos agardaba nesas horas que nos foran concedidas, pero superou calquera expectativa que puidera terme formado. Quizais pensei que ía falar da súa faceta de escritor, ou mesmo a de ecoloxista; non obstante tratou outros temas máis interesantes. Abordou un tópico amplísimo pero de forma apaixonada: a partir da póla dun toxo fixo unha metáfora da vida comparándoa coa planta. "Entre chorima e espiña", dixo, "vai pasando a vida". Chamoume a atención esa frase, polo precioso simbolismo e pola gran verdade que transmite.
    Non todo o encontro foi nese ton filosófico, xa que narrou numerosas anécdotas e lembranzas. Algunh tamén agochaba unha lección de vida, pero o ambiente era máis desenfadado. Se houbo un momento máis serio, foi cando recitou un poema seu: "Os xitanos cesteiros". Entre a mensaxe que transmitía a composición e a súa apaixonada forma de recitalo, o ambiente mudou nunha atmosfera sobrecolledora.
    Pareceume unha gran experiencia, xa que non só coñecemos as súas facetas profesionais, senón que levaremos na lembranza a ese home de sorriso contaxioso no que pensaremos ao ler as súas obras.

    ResponderEliminar
  2. A súa exposición comezou un pouco apagada, quizais pola presión do público, pero conforme avanzaba foi adquirindo seguridade. Contounos anécdotas da súa infancia, como a prohibición á que o sometían por falar galego, destacando a frase en castelán que lle mandaran aprender de memoria: "Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo", falounos da natureza, de autores que o inspiraron, da súa experiencia como escritor para o periódico... O momento máis destacable foi no que recitou un poema sobre unha familia de xitanos aos que mataron durante a guerra. Foi moi emotivo, e el fíxoo con moito sentimento.
    Debo dicir que levei unha grata sorpresa con este escritor. Dende o comezo demostrou estar moi implicado, porque se emocionou coa presentación que lle fixeron as profesoras, ten moito sentido do humor, en todo momento houbo comentarios humorísticos para amenizar a exposición, amosou a súa implicación coa defensa do galego, respondeu as preguntas dunha forma moi educada e completa, etc.
    Xa sabía que era bo como escritor, xornalista, poeta, etc. pero quedou demostrado que tamén merece moito a pena como persoa.

    ResponderEliminar
  3. Outra das moitas cousas que nos deixou,e a min me fascinou foi a
    inmellorable verba "Nós abrimos un libro,pero o libro ten que abrirnos a nós".
    Este encontró rematou,con Manuel Rivas,asinando e debuxando os libros que trouxo o alumnado.
    Só podo dicir,que esta experiencia foi fabulosa,e escoitar persoas como el,aínda máis;sempre cun ton moi acolledor e facendo que botemos risas de vez en cando.

    ResponderEliminar
  4. Na súa exposición, narra os seus comezos a partir dos primeiros versos escritos nun caderno de matemáticas, calificados polo seu mestre como "bos" pero, cheos de gran tristura, resposta, que o motiva a adentrarse no mundo das letras sen abandonar a temática mencionada.

    En conclusión trátase dunha persoa cercana, dun revolucionario da lingua galega, que deixa pegada da nosa cultura ao redor do mundo.Como galega, síntome privilexiada por telo coñecido en persoa e por compartir sentimentos e ideas.

    ResponderEliminar
  5. Como comezar, Manuel Rivas. Falounos de todo; dende a súa obra ata a creación do toxo, pasando pola súa maneira de vero mundo, Galiza e a nosa lingua.
    Pareceume un home peculiar, é dicir, non do común, o que para min é moi bo. Non só foi familiar e simpático, senón que posúe unha retórica e un agarimo especial. A súa forma de falar, argumentar e opinar fai del un home único e esencial na literatura galega dende a súa primeira ata agora.
    Comprometido coa súa terra, a fama non conseguiu que deixase de lado a súa lingua, nin a Galiza, algo que admiro profundamente. Antes desta conferencia xa me gustaba, como escritor, é dicir, linlle algunha obra e parecíame bo na súa profesión. De feito, cando me comezou a chamar a atención, despois xa de ler algo seu, foi cando vin a meu pai lendo un libro xigante, cun grosor tan grande como o "Quixote"; co título de "Os libros arden mal". Agora teño a sorte de que me firmase ese libro e debuxase nel cousas preciosas; este verán lereino.
    Grazas a esta conferencia, aprendín unha lección de humanidade; grazas a historias como a do seu compañeiro Juan e a súa énfase recitamdo un manifesto en defensa dos xitanos.
    Despois de que rematase, tocaron as preguntas, e graxas á miña pouca vergoña fun capaz de falar con el e resolver certas dúbidas.
    Así que o dito, antes gustábame e antes incluso o admiraba. Pero agora máis, moito máis. Foi un pracer velo en persoa, escoitalo en persoa, e falarlle en persoa. Só podo dicir grazas por traelo e que viñera, e grazas por mandarme ler "O lápis do carpinteiro"; agora entendo máis cousas das que pensaba que antes entendía.

    ResponderEliminar
  6. Quero aportar o impresionante que me pareceu a paciencia co cal nos respondeu as preguntas e sobre todo nos firmou os libros cunha dedicatoria personalizada; Foi maravilloso!

    ResponderEliminar
  7. Todo está dito, mais, creo que despois daquelas palabras filosóficas mencionando a Thanatos e Eros, de ver a súa paixón á hora de falar do que realmente lle importa, deixounos todavía máis claro que logo de ler "O lapis do carpinteiro" habería que buscar e sumerxirnos noutros libros deste home.

    Como antes dixeron é un home peculiar, sexa pola súa expresión, polo seu sorriso ou pola vida que levou. É esa peculiaridade a que nos contaxia as súas palabras e nos fai querer escoitalo máis e máis. De feito, todo os alumnos atopabámonos dentro do seu mundo, moi atentos, querendo saber máis e máis del.

    Manuel tivo unha infinita paciencia e ata nos firmou algúns libros. Moitas grazas pola súa visita e sobre todo polo aprendido, esperamos que volvas!

    ResponderEliminar
  8. Se eu tivese que escoller unha parte favorita de todo o que nos falou, sen dúbida sería cando contou a historia de 'Juan, o Superman' ou cando nos relatou a lenda da creación dos toxos.

    E como non, o magnífico escritor, entre outras moitas cousas, rematou a súa visita cunha firma de libros, na que puido demostrar a súa destreza no debuxo.

    ResponderEliminar
  9. Sara Martínez Reborido8 de maio de 2016, 15:38

    É un home que eu definiría como propio da literatura. Paréceme que fala con moita desenvoltura, que ten un vocabulario moi amplo, fala con moita transparencia. As súas respostas son naturais e espontáneas, non están preparadas para compracer. Ten unha capacidade enorme de manter a atención dos seus oíntes e de engaiolalos.

    ResponderEliminar