mércores, 23 de maio de 2012

Panxón e "A praia dos afogados"




O pasado día 19 de abril, fomos a Paxón para visitar os lugares onde se desenvolve o libro "A praia dos afogados" de Domingo Villar. Contamos cunha guía, Ana Carreira, que nos animou a participar recreando personaxes e escenas da novela.

Paseamos pola praia, as rúas, visitamos a singular obra artística do arquitecto Palacios, o Templo Votivo do Mar, e o porto; escenarios da trama  polos que pasou  Leo Caldas, un dos  protagonistas da obra.

Despois subimos a Monteferro, onde o guía Xosé  Lois Villar, experto en toponimia , microtoponimia e talasomimia,  nos explicou cousas sobre o mar, relacionadas coa pesca e coa novela.

Despois  de comer, collemos o bus para Lugo, no que rimos e cantamos.

O que máis nos gustou foron as paisaxes, xa que eran moi bonitas e distintas do que nos rodea a cotío. Tivemos a oportunidade de aprender máis cousas sobre o libro, e sobre Panxón.



Laura López López, Clara Coira Suárez e Sabela Brand García 4º ESO

domingo, 6 de maio de 2012

Visitounos a escritora Marica Campo


As alumnas e alumnos de 2º da ESO  limos a novela  E Xoel aprendeu a voar. O mércores 18 de abril estivemos coa súa autora Marica Campo. Explicounos que as súas historias nacen das súas observacións e das súas experiencias; do seu traballo como docente  aproveita o coñecemento da vida na adolescencia, por iso nos resulta doado identificarnos cos seus personaxes.

En toda a súa exposición  apreciamos o seu compromiso coa nosa lingua e coa terra. A conversa amena e o chapeo co que se cubría nos fixo sentir diante dunha maga da palabra.

E Xoel aprendeu a voar conta a historia dun rapaz de 13 anos que se chama Xoel. Xoel apenas ten vida fóra da PSP . Ao longo da historia   o protagonista descobre que o ordenador só é un medio e non un fin. A súa vida cambiará dunha maneira progresiva na obra. O protagonista vivirá aventuras incribles cos seus amigos, que o levarán a descubrir lugares e segredos inesperados, grazas a unha persoa anónima que parece sabelo todo del.


Marica Campo (María Pilar Campo Domínguez) naceu no Val do Mao no concello do Incio (Lugo), o 24 de febreiro de 1948.
Cursou a carreira de Maxisterio e realizou estudos de Teoloxía. Malia declararse mestra non vocacional, Marica Campo exerceu como profesora de Lingua e Literatura Galega durante trinta e seis anos no Instituto Poeta Díaz Castro en Guitiriz, ata a súa xubilación anticipada. Ata o ano 1992 en que sae ao público a escolma de poemas Tras as portas do rostro, Marica só tiña editada unha obra de teatro e poemas en revistas e publicacións contadas. Así mesmo, participaba con frecuencia en recitais e escribía letras de cancións para grupos musicais como Fuxan os Ventos.
            
Na actualidade, dedica todo o seu tempo á literatura e segue residindo en Guitiriz onde foi nomeada Chairega de Honra pola Asociación Cultural Xermolos e a Fundación Manuel María da Terra Chá en novembro de 2007.
Algunhas das súas obras son: O Premexentes non pode cos paxaros rebezos (1987); Tras as portas do rostro (1992); Confusión e morte de María Balteira (1996); Pedinche a luz prestada (2001); Memoria para Xoana (2002); Abracadabras (2007); Sextinario: trinta e seis + tres (2007) ou O Divino Sainete (2008).

x