Desde o 12 de decembro, o corredor principal do noso centro acolle unha exposición sobre Castelao, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.
O contido da mostra pretende difundir a traxectoria vital e profesional do escritor de Rianxo con motivo do 125 aniversario do seu nacemento.
Todo o alumnado puido comentar e ampliar a información contida nos paneis coa axuda das profesoras de Lingua e Literatura Galegas.
A mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.
Ningún comentario:
Publicar un comentario