luns, 30 de xaneiro de 2012

Tristes guerras



Con motivo do Día Escolar da a Paz e a non Violencia, que se celebra o 30 de xaneiro, elaboramos a Guía de lecturas "Tristes Guerras".

















Trátase dunha selección de obras que nos transmiten valores de respecto, tolerancia e solidariedade. Todas teñen como telón de fondo un conflito armado e falan das inútiles e desgarradoras guerras e as súas nefastas consecuencias. Como dicía Miguel Hernández, todas as guerras son tristes e fan aos homes tristes.



Aprendamos, a través da lectura, que as nosas mellores armas son as palabras e o diálogo.



Todos os libros seleccionados forman parte da exposición actual da biblioteca e podes levalos en préstamo.









domingo, 15 de xaneiro de 2012

De lecturas Leirantes no Museo Provincial



A sala dedicada a Castelao no Museo Provincial de Lugo acolleu o pasado 21 de decembro a actividade final do noso club de lectura sobre a obra Retrincos de Castelao. Alumnos e profesores integrantes de Lecturas Leirantes (nome do noso club) deleitáronse cos comentarios intercambiados sobre a obra -previamente lida e gozada-, sobre Castelao e sobre sentimentos e vivencias da Galicia de sempre. A mostra de debuxos de Castelao, que enriquece as paredes desta sala, propiciou que se aproveitase para falar tamén da súa obra gráfica e que os rapaces participasen nun taller de debuxo relacionado coa mesma.


Grazas a todos os lectores leirantes pola vosa participación, e parabéns pola vosa actitude.



luns, 9 de xaneiro de 2012

Castelao na biblioteca




Aínda podedes ver na biblioteca unha selección de libros que completa a exposición sobre Castelao.


Deíxovos tamén aquí un vídeo que atopei en youtube, no que podedes comprobar a faceta de caricaturista e debuxante do autor de Rianxo.












Exposición sobre Castelao


















Desde o 12 de decembro, o corredor principal do noso centro acolle unha exposición sobre Castelao, promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos.

O contido da mostra pretende difundir a traxectoria vital e profesional do escritor de Rianxo con motivo do 125 aniversario do seu nacemento.

Todo o alumnado puido comentar e ampliar a información contida nos paneis coa axuda das profesoras de Lingua e Literatura Galegas.

A mostra fai un percorrido pola obra e a vida de Castelao desde a súa infancia en Rianxo e a adolescencia como emigrante na Pampa arxentina, ata o exilio, primeiro en Nova York e despois en Bos Aires. Nese percorrido, a exposición recolle os aspectos máis salientables da súa faceta de escritor, de artista gráfico, de debuxante e de político. Os seus primeiros pasos como debuxante e caricaturista, a incorporación en 1917 ás Irmandades da Fala, a súa traxectoria como deputado pola provincia de Pontevedra nas Cortes Constituíntes de 1931 ou seu papel na fundación do Partido Galeguista son algúns dos episodios que nos achega a exposición.