mércores, 18 de decembro de 2013

Mafalda Soto visita o Leiras Pulpeiro

Mafalda Soto cooperante en Tanzania, traballa na campaña "Ponte na súa pel" da ONG Africa Directo que pretende mellorar a calidade de vida dos albinos. Ademais de informarnos do proxecto no que traballa, falounos das condicións de vida dos africanos, da súa cultura e organización social rompendo os tópicos  e  as falsas ideas que temos sobre este continente.
Mafalda transmitiunos a súa ilusión e compromiso. Non nos deixou indiferentes. Escoitándoa sentimos que con persoas coma ela o mundo é mellor. Parabéns para Mafalda

Mafalda Soto, cooperante en Tanzania, visita o Leiras Pulpeiro on PhotoPeach



martes, 10 de decembro de 2013

Marica Campo no Leiras. Xoel aprendeu a voar e Sherezade

O pasado 25 de novembro visitou o noso centro Marica Campo para falar ao alumnado de 1º de ESO do libro E Xoel aprendeu a voar. O alumnado fixo preguntas moi interesantes sobre esta lectura.

Como neste día se celebra o Día internacional contra a violencia machista, a escritora explicounos as ideas e crenzas que levan á dominación das mulleres polos homes. Ademais leunos un poema inédito da súa autoría que, partindo do personaxe de Sherazade d' As mil e unha noites, chama  ás mulleres a rebelarse contra esta inxusta dominación. Reproducimos aquí os últimos versos:

As mulleres en marcha imos contigo, 
para salvarnos todas ou ningunha,
cara un porvir de rosas camiñando.


Marica Campo, Xoel aprendeu a voar e Sherezade on PhotoPeach

luns, 9 de decembro de 2013

Un feixe de poesía na porta

A alumna do noso centro Inma Alonso Rodríguez de 2º de BAC vén de participar na publicación do libro colectivo de poesía UN FEIXE DE POESÍA NA PORTA.

Parabéns para Inma.

Inma Alonso e Un feixe de poesía na porta on PhotoPeach

domingo, 1 de decembro de 2013

Día Internacional contra a violencia machista

O 25 de novembro visitáronnos catro colaboradoras da  Asociación Enriqueta Otero  que  cunha orixinal actividade baixo o lema "NON É A TÚA MEDIA LARANXA, É O TEU EXPREMEDOR" pretende concienciar a mocidade sobre as relacións afectivas saudables, relacións estas imprescindibles para eliminar a violencia de xénero.

Nesta atractiva actividade participou alumnado de 3º e 4º de ESO. 

Asociación Enriqueta Otero visita o Leiras Pulpeiro on PhotoPeach

martes, 19 de novembro de 2013

A ler!



O Club de Lectura visita a Biblioteca Nodal

Os alumnos e alumnas  do club de lectura fixemos unha visita á Biblioteca Nodal de Lugo, a máis grande da cidade.

 O primeiro que fixemos foi baixar a unha sala onde estivemos comentando os libros que trouxeramos. Eu levei “La sombra del viento” de Carlos Ruíz Zafón. Moitos dos integrantes do club levaron obras de Laura Gallego, autora que está a causar sensación.

Tras a tertulia literaria pasaron a ensinarnos á biblioteca. Na sala para adultos faláronnos do CDU (o sistema polo que se ordenan os libros na biblioteca) e  como acceder ao catálogo,  dende casa ou dende a biblioteca, para consultar os fondos ou renovar os que teñamos en préstamo.

Nese mesmo andar, ensináronos a sala Montenegro e a sala Menacho, onde se gardan libros moi antigos que foron doados á biblioteca, entre eles a primeira edición do dicionario da RAE.

Logo leváronnos á comiteca. Ten unha cantidade de películas e cómics impresionantes. Tamén nos ensinaron a sala de consulta, onde, entre outras cousas, hai un ordenador adaptado ás persoas discapacitadas.

A visita rematou na sala infantil, onde nos despedimos e demos unha última volta antes de volver para a casa. A min persoalmente gustoume moito esta actividade e gustaríame que houbese máis saídas deste tipo, que non deixan de ser moi interesantes e de acercarnos á cultura literaria de xeito ameno.

Diego Ardura. 2º ESO

Gustoume moito a Biblioteca Nodal pola súa organización e a grande variedade de libros. Seguramente volverei outro día.

Román Casas. 1º ESO 

O que máis me gustou da experiencia foi ver unha sala con libros antigos que doara unha familia.

Jennifer Gómez. 2º ESO 

Nunca estivera nesa biblioteca e impresionoume. Cando chegamos á sección xuvenil a vista íaseme ó andel que contiña a saga de libros que estou lendo.
Emma Gándara. 2º ESO


 O Club de Lectura "Lecturas Leirantes" na Biblioteca Provincial on PhotoPeach

martes, 5 de novembro de 2013

A biblioteca é un tesouro

O 24 de outubro, para celebrar o Día das Bibliotecas, o alumnado do Leiras depositou no cofre dos desexos as súas desiderata bibliográficas.
Observade o cofre acugulado que nos dá idea do éxito desta actividade.
O ano que vén repetiremos.


domingo, 13 de outubro de 2013

Benvidos/as á Biblioteca

Comezamos as actividades da Biblioteca deste curso cunhas xornadas de acollida e formación de usuarios para o alumnado de 1º de ESO. Velaí podedes ver a reportaxe gráfica.



mércores, 3 de xullo de 2013

Ata setembro

Pechamos o curso con esta fermosa imaxe que reproduce o cadro LUGO do pintor  Jorge Peteiro.
Foi realizado polo alumnado de Plástica do noso centro.


Concurso de marcapáxinas








Ana López Andón resultou premiada no Concurso de marcapáxinas convocado polo EDL e o Departamento de Plástica no que participaron alumnos e alumnas de 4º de ESO.

Reportaxe gráfica dos traballos realizados